Os museos de xestión autonómica súmanse á oferta cultural da Semana Santa en Galicia con diversas exposicións e actividades complementarias para todas as idades. As vacacións escolares dos estudantes facilitan o seu achegamento a estes centros que teñen, na súa programación, iniciativas culturais e de lecer das que tirar partido nestes días.
Así, o Museo do Mar de Galicia ofrece, para familias con nenos e nenas a partir de 6 anos, varias actividades. Hoxe, mañá e o xoves, ás 12.00 horas e con reserva previa, ‘Mar, orixe da vida’ descobre a xénese marítima da vida na terra. A través de elementos da exposición permanente e con recursos didácticos, os participantes elaborarán ademais unha réplica dun fósil mariño que poderán levar á súa casa. Do venres ao domingo, tamén ás 12.00 horas, con ‘Arqueoloxía, unha ciencia por descubrir’ tírase partido do castro parcialmente escavado que existe no museo para coñecer o traballo dos arqueólogos, non só de xeito teórico, senón cunha recreación práctica. Finalmente, desde hoxe e ata o domingo, ás 17.30 horas haberá visitas guiadas ao museo, para coñecer as súas instalacións e contidos de xeito máis detallado.
Cidade da Cultura
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acolle a mostra Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación, a maior exposición de pezas das coleccións privadas destas entidades. Pintura, escultura, fotografías e instalacións compoñen este percorrido por 150 anos de arte galega. Nela pode contemplarse unha escolma de 192 pezas que abarcan desde o primeiro terzo do XIX ata a actualidade. Por primeira vez, unha mesma mostra reúne 119 dos artistas galegos máis relevantes dos últimos 150 anos, como Fernando Álvarez Sotomayor, Urbano Lugrís, Francisco Lloréns, Serafín Avendaño, Laxeiro, Virxilio Vieitez, Manuel Colmeiro, Luís Seoane, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Julia Minguillón, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Berta Cáccamo, Antón Lamazares, Pamen Pereira, Elena Colmeiro ou Antía Moure, entre outros.
Nas Torres Hejduk, a intervención paisaxística ‘Betula Pendula’ fala da fraxilidade dos bosques galegos feita arte. Esta é a idea da que parte Martín Toimil para facer uso do carácter dual destas estruturas nun xogo cos opostos co que reflicte a realidade dos montes galegos. Por unha banda, a beleza, a través das paisaxes que ofrecen as súas especies autóctonas. E pola outra, a destrución, causada pola lacra dos lumes.
Ademais, no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia pódese visitar a mostra ‘Música en feminino’, que ofrece unha escolma de documentos para ilustrar o visitante sobre o papel desenvolvido pola muller no mundo da música desde a esfera cotiá e doméstica da que parten, ata o ámbito profesional e intelectual no que hoxe en día se encontran dentro da escena musical.
Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)
O Centro Galego de Arte Contemporánea cumpre neste 2018 os seus 25 anos de existencia. Para coñecelo un pouco máis, pódense visitar as exposicións que alberga neste momento.’ Modelo x armar’ presenta os artistas galegos da colección do CGAC, a través da visión da colección como un modelo por construír, unha tarefa sempre en proceso para un museo. A mostra propón, a través dunha aproximación crítica, varios modelos de enfoque narrativo e histórico, entre a colisión e o diálogo.
Pola súa banda, ‘Estratexias do desprazamento’ é unha mostra que revisa o traballo de Antoni Muntadas a través de proxectos específicos, incorporando o xiro recente da súa mirada cara a paisaxe. O autor traza un percorrido que refire un territorio inestable, cargado de interrogantes.
‘O palacio das tres historias’, do artista visual Carlos Garaicoa (A Habana, 1967), presenta a cidade a través dunha mestura de fotografía, vídeos e grandes instalacións como espazo de paso, punto de encontro e metáfora da contemporaneidade construída a través das palabras, das imaxes e da historia.
Museo Etnolóxico de Ribadavia
No Museo Etnolóxico de Ribadavia, coa mostra ‘A olería en Galicia: unha mirada a partir dos fondos do Museo Etnolóxico’, o seu comisario, Víctor Manuel Castro Carballal, enlaza pasado e presente para cuestionar os estudos sobre a materia en Galicia. Así, revísase o determinismo económico na artesanía, o abuso de paralelos foráneos e o feito de non entender a actividade como un produto específico do estrato da poboación onde nace e se desenvolve.
Tanto os horarios dos centros como os das actividades organizadas para estas datas festivas pódense consultar na web http://museos.xunta.gal/ e na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.