O Museo Gaiás abre á noitiña a exposición ‘Pensar coas mans’ nas visitas con música e petiscos de ‘As Nocturnas’

Estas orixinais descubertas da mostra de artesanía celebraranse ás 21 horas os xoves e venres do 29 e 30 de agosto e do 5 e 6 de setembro
Publicado por o día 01/08/2019 na sección de Cultura

O Museo Gaiás abre á noitiña a exposición ‘Pensar coas mans’ nas visitas con música e petiscos de ‘As Nocturnas’

A Xunta de Galicia abrirá o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura ao público á noitiña coas visitas especializadas As Nocturnas. O obxecto é ofrecer fóra do seu horario habitual, a partir das 21 horas, un xeito de achegarse diferente e orixinal —con música e petiscos— e exclusivo —non máis de 30 persoas— á exposición Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia.

A nova edición de As Nocturnas celebrarase os xoves e os venres do 29 e 30 de agosto e o 5 e 6 de setembro e as entradas están á venda en cidadedacultura.gal e en Ataquilla.com. Este ciclo permitiralles aos e ás asistentes ter a oportunidade de coñecer de primeira man a través de expertos os oficios e as creacións artísticas da xoiería, cestería e cerámica galega.

Así, a primeira quenda de As Nocturnas do xoves 29 de agosto contará para a visita comentada da exposición Pensar coas mans, co especialista en xoiería tradicional Fernando Martínez Vilanova. Este doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo é o autor dunha das publicacións referentes nesta especialidade artesá, A ourivería tradicional en Galicia.

As Nocturnas do día seguinte, 30 de agosto, permitirán afondar na recoñecida tradición cesteira existente Galicia, da man da investigadora Belén Sáenz-Chas, responsable do Departamento de Conservación do Museo do Pobo Galego, institución que colabora na exposición Pensar coas mans coa cesión de pezas de alto valor etnográfico, entre elas, unha representación das diferentes cestas e cestos, característicos segundo as zonas e os usos en Galicia.

Para o primeiro xoves de setembro o ciclo mergullarase na olería galega, da man de María García-Alén, filla do investigador Luciano García-Alén, figura imprescindible na posta en valor e recoñecemento desta disciplina artesá na nosa comunidade e quen dignificou os oficios artesáns a través de La alfarería de Galicia, publicación de finais dos anos 70 do pasado século e que aínda continúa a ser un referente de estudo.

Porá o alfinete ao ciclo a mesma comisaria da mostra Pensar coas mans, Verónica Santos Farto, historiadora da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Departamento de Exposicións da Cidade da Cultura de Galicia, no que será a derradeira As Nocturnas da programación de Verán no Gaiás 2019 que servirá para ter unha visión global da exposición e das tres artesanías representadas: xoiería, cestería e cerámica.

Música DJ e petiscos

Cada unha das explicacións nas visitas comentadas destes expertos e expertas complementaranse sempre coa boa música DJ que se ofrecerá ao final do percorrido explicativo —que se fará dun xeito distendido, próximo e participativo— e cunha degustación de petisco co obxecto de propiciar, deste xeito, que sesión remate cunha conversa en grupo agradable e amena, que permita outro xeito de achegarse ás exposicións e tamén ao mesmo Museo Centro Gaiás.

As Nocturnas enmárcanse dentro da programación de verán da Cidade da Cultura para 2019. A través de 100 actividades culturais e de lecer desde o pasado 21 de xuño está a ofrecer propostas que conxugan cultura e lecer e para todas as idades e públicos, tanto con accións que se desenvolven no Museo Centro Gaiás como nos espazos exteriores do complexo. En www.cidadedacultura.gal pode consultarse toda a programación.