O Museo oferta 90 prazas para os obradoiros infantís dos meses de xullo e agosto

O prazo de inscrición comeza o vindeiro luns e as solicitudes deben presentarse no Rexistro xeral da Deputación
Publicado por o día 01/06/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

O Museo oferta 90 prazas para os obradoiros infantís dos meses de xullo e agosto

Entre o vindeiro luns, 4 de xuño, e o venres 15 de xuño, poderán presentarse as solicitudes para participar nos obradoiros infantís de verán do Museo de Pontevedra. As solicitudes, que poden descargarse da web do Museo, deben ser presentadas no Rexistro xeral da Deputación de Pontevedra e poderán inscribirse rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 5 e os 13 anos. En total, estarán dispoñibles 90 prazas repartidas en diferentes quendas nos meses de xullo e agosto.

Só se concederá praza nun único obradoiro por neno ou nena, e no caso de que houbese máis demanda que prazas, estas adxudicaranse por sorteo público o martes 19 de xuño ás 10 horas no edificio Fernández López do Museo. A lista de admitidos e admitidas poderá consultarse a través da web do Museo a partir do mércores 20 de xuño, ou no punto de información do Sexto Edificio.

O obxectivo común destes obradoiros é estimular a comunicación, a creatividade, a sensibilidade e a expresión dos e das cativas, mediante actividades adaptadas aos diferentes rangos de idade. Para isto, no mes de  xullo levarase a cabo un obradoiro relacionado coa cerámica que leva por título “Mar e Arte. Navegando no barro”; mentres que no mes de agosto estará centrado na pintura e leva por título “Descubrindo a José Solla”, xa que estará vinculado á exposición temporal dedicada ao artista de Marín.

“Mar e Arte. Navegando no barro” utilizará como fonte de inspiración as historias de navegantes, os seus descubrimentos, as viaxes e os restos arqueolóxicos vinculados co mar no museo, que servirán de base para a realización de pezas de cerámica, utilizando as técnicas de modelado e decoración propias do traballo deste material. As quendas do mes de xullo repartiranse do seguinte xeito: do 2 ao 6 de xullo participará a rapazada de 5 a 7 anos en horario de 10:30 a 12:30 horas; do 9 ao 13 de xullo será a quenda para rapaces e rapazas de 8 a 10 anos en horario de 10.30 a 13 horas; e do 16 ao 20 de xullo participarán de 11 a 13 anos en horario de 10:30 a 12:30 horas.

“Descubrindo a José Solla” permitirá que os e as participantes no obradoiro se aproximen á pintura desde unha visión psicolóxica, histórica e urbana para entender a obra do pintor José Solla. Desde o debuxo e a composición, os nenos e nenas comprenderán o proceso creativo do artista ata realizar a súa obra final, proceso que elas e eles mesmos terán que experimentar realizando a súa propia obra a partir da técnica da pintura acrílica. A primeira quenda comprende desde o 30 de xullo ao 3 de agosto e vai destinada a nenos e nenas de 5 a 7 anos; a segunda terá lugar entre o 6 e o 10 de agosto para idades de 8 a 10 anos; e a terceira do 20 ao 24 de agosto para rapazada de 11 a 13 anos. No mes de agosto todas as quendas terán horario de 10:30 a 12:30 horas. Tanto no mes de xullo como no de agosto admitiranse 15 participantes por quenda.