O Museo de Pontevedra terá unha nova imaxe corporativa. Así se acordou hoxe na primeira reunión do Consello Asesor, quen resolveu por unanimidade renovar a identidade visual da institución para reflectir o momento de cambio e apertura que están a darse na institución así como para corrixir as súas actuais disfuncionalidades de uso.
O vicepresidente César Mosquera compareceu nun receso para dar conta dos asuntos a tratar na orde do día (a reunión durou catro horas) e manfiestou o seu entusiasmo porque por parte do Consello Asesor “aflora unha ilusión, unha participación e implicación absolutamente extraordinaria”, xa que están a achegar “cantidade de ideas”.
Segundo dixo o nacionalista, a unanimidade dos conselleiros (a arqueóloga Beatriz Comendador, o empresario das industrias culturais Kin Martínez, a directora de Esdemga Lola Dopico, o crítico de arte Ramón Rozas, a arquitecta Teresa Táboas e o pedagogo e escritor Xaime Toxo – a artista Menchu Lamas non puido acudir-) teñen a “sensación xeralizada de que ao Museo hai que darlle un cambio moi profundo”.
Mosquera indicou que a transformación do Museo xa está en marcha coa nova dirección pero debe seguir materializándose. “O pasado, pasado está. Temos unha historia coas súas súas luces e sombras. Herdamos un museo que é o máis importante de Galicia e dos máis importantes do Estado e esa é a base, pero hai que darlle un novo impulso. Niso hai total acordo”, insistiu.
Tamén neste sentido se manifestou o director Xosé Manuel Rey, quen destacou o “carácter proactivo” do Consello Asesor e a súa satisfacción ao ver a implicación coa que se tomou a reunión. “Fixemos un repaso sobre o Plan Xeral de Actuación para que puideran transmitir cara a onde avanzar”, dixo o responsable do Museo, quen engadiu que “pola traxectoria dos integrantes do Consello xa o podía imaxinar, pero formamos parte dunha mesma visión, estamos traballando nunha liña de coherencia moi grande” sobre o Museo.
Identidade visual
En canto á modificación da identidade visual do Museo, Mosquera sinalou que é preciso “poñer un punto de ruptura e cambiar a imaxe” creándoa prácticamente dende cero. Sinalou que esta “case non existía”, xa que ata o de agora se estaba a utilizar un debuxo de Alejandro de la Sota do ano 1942 que non fora creado como logo e que presenta certas disfuncionalidades.
Para a renovación e a potenciación da comunicación exterior do Museo abrirase un concurso de ideas entre deseñadores. O propio consello irá seleccionando as mellores propostas en fases ata chegar ao resultado final. “Isto non quere dicir que a decisión se eternice. Se pode ser en semanas que non sexan meses. Se cadra en tres catro meses deberíamos ter a nova imaxe”, subliñou o vicepresidente.
O director do Museo destacou que a día de hoxe está aberta unha tormenta de ideas sobre cara a onde debe ir a nova identidade visual. Ao seu entender, entre outros aspectos, “debería reflectir dende o punto de vista conceptual este momento de renovación do Museo e dese pulo cara ese Museo máis social sobre no que veño insistindo dende hai bastante tempo”, subliñou.
Outro dos aspectos que se abordou no primeiro encontro do Consello Asesor do Museo foi a aposta por converter o Museo nun referente do Camiño Portugués, unha potencialidade nova que permitirá abrirse aínda máis á sociedade. “Temos que aproveitar sinerxias dun Camiño Portugués que está en auxe, e Pontevedra e o Museo son un espazo fundamental nese camiño. Hai que aproveitar a oportunidade”, dixo Mosquera.
“A idea na idea é que Pontevedra é un área de paso importantísimo e que é preciso sumar ao Museo a esa idea, e reforzar a vinculación da cidade, dese punto nodal no Camiño Portugués”, insistiu o director.
Asimesmo, na reunión –que rematou sobre as 14.30 horas- falouse tamén da rehabilitación dos edificios centrais, da creación do novo centro de arqueoloxía de Valdecorvos e da programación do 2020.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.