O Nadal chega á Deputación de Pontevedra cunha exposición baseada na artesanía e a diversidade europea que pecha a campaña “Somos historias”

A presidenta Carmela Silva invitou a toda a sociedade a achegarse ao hall do Pazo Provincial “para desfrutar dunha exposición que é unha verdadeira xoia”
Publicado por o día 17/12/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

O Nadal chega á Deputación de Pontevedra cunha exposición baseada na artesanía e a diversidade europea que pecha a campaña “Somos historias”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á comisaria da mostra, Fátima Cobo, inauguraron esta mañá “Unha viaxe ao Nadal” que, ata o 7 de xaneiro, concentra no Pazo provincial unha selección de adobíos de vidro soprados e pintados de maneira artesanal por vidreiras e vidreiros polacas/os, checas/os, alemás/alemáns e austríacas/os. Deste xeito a artesanía, como parte do patrimonio inmaterial, unha viaxe arredor da diversidade da celebración das festas do Nadal en Europa e a propia viaxe dos adobíos por elementos do patrimonio da provincia de Pontevedra convértense no peche da campaña “Somos historias“, impulsada este ano pola Deputación con motivo do Ano Europeo do Patrimonio.

“A artesanía é un dos elementos patrimoniais inmateriais máis importantes e representativos dos pobos, algo que os identifica e caracteriza”, subliñou Carmela Silva. Neste eido, Silva enxalzou as pezas artesanais que se amosan desde hoxe no Pazo provincial: “cheas de creatividade, imaxinación, e arte, que falan moito das emocións, de todas e todos nós, que están na nosa vida e nos fan sorrir e ser máis felices”.  En concreto, as pezas que forman parte de “Unha viaxe ao Nadal” seguen un proceso de elaboración similar ao iniciado en 1830 en Turinxia, Alemaña, cando se comezaron a soprar pequenas bólas de vidro para colgar nas árbores de Nadal, que se enchían con chumbo ou zinc para facelas brillar.

Tamén destacou a presidenta que as figuras que se presentan no Pazo provincial ata o 7 de xaneiro forman parte da colección ViCo, unha colección privada galega de adobíos de Nadal única destas características en España, propiedade de Fátima Cobo e Carlos Vieira, que conta con ata 1.000 pezas que dende fai un lustro se veñen expoñendo por estas datas en diferentes museos da nosa xeografía. Deste xeito, na sede da Deputación de Pontevedra poderanse ver dende bólas de Nadal de vidro, ata figuras que recordan panxoliñas, imaxes relativas á orixe da árbore de Nadal, aos xoguetes, aos libros, aos mercados de Nadal, aos remates da árbore de Nadal, Papa Noel, aos homes de neve, á comida de Nadal, ao mar, ás amanitas e aos gnomos e ata figuriñas relativas á despedida do Nadal.

Xunto á mostra, a exposición complétase cun catálogo que recolle a “viaxe” protagonizada por adobíos de Nadal a través dos recursos do patrimonio da provincia. “Deste xeito –destacou a presidenta provincial- a beleza das adornos artesáns centroeuropeos de Nadal cobran vida e únese á gran riqueza e tamén beleza patrimonial da provincia, amosando paraxes como a Fonte da Burga de Caldas de Reis, Santa María da Armenteira en Meis, o castelo de Soutomaior, o Pazo de Liñares en Lalín, a Praza da Leña en Pontevedra, a praia de Melide en Cangas, as Torres do Oeste de Catoira, a Illa de San Simón en Redondela, así como ríos, bosques e zonas húmidas da nosa provincia polas que pasean fermosas figuriñas artesanais dando conta das múltiples historias da provincia de Pontevedra”.

A mostra “Unha viaxe ao Nadal” e o catálogo complementario son o peche da campaña “Somos historias” que, ao longo do 2018, espallou a riqueza patrimonial da provincia de Pontevedra por todo o territorio nacional e internacional.  A presidenta da Deputación convidou a todas as persoas a visitar esta exposición “que, nestas datas de Nadal, de celebración, de sonos, de alegría, de encontros e recordos, tanto nos vai facer sorrir”.