O pacto de estado contra a violencia de xénero será o argumento central da xornada anual da Escola de Igualdade María Vinyals

Hoxe ábrese o prazo de inscrición para participar no encontro que terá lugar o 7 de xuño en Soutomaior e que pretende achegar o Pacto de Estado á realidade municipal
Publicado por o día 21/05/2018 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

O pacto de estado contra a violencia de xénero será o argumento central da xornada anual da Escola de Igualdade María Vinyals

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que o vindeiro 7 de xullo o  castelo de Soutomaior acollerá a xornada “Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O estado da cuestión” no marco da programación impulsada pola Escola de Igualdade María Vinyals. Silva informou que desde hoxe mesmo as persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición a través da páxina web www.depo.gal.

A Escola de Igualdade María Vinyals, pioneira en Galicia e unha das poucas que existen no estado, foi inaugurada no 2016 cun evento en xuño para falar sobre as políticas de Igualdade e outro en setembro centrado na muller e o liderado. O ano pasado, tal e como informou a presidenta provincial, “impulsamos unha xornada dedicada ás miradas interdisciplinares sobre a violencia de xénero que foi todo un éxito e, este ano, queremos centrarnos no Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Para elo contamos coa presenza de voces de mulleres moi relevantes no panorama nacional”.

Silva asegurou que a xornada deste ano, “Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O estado da cuestión”, pretende “achegar o Pacto á realidade municipal, ás persoas que no ámbito local traballan coas vítimas da violencia machista pero tamén queremos reivindicar que este Pacto de Estado é papel mollado e que sen recursos, sen financiamento, non pode saír adiante”.

A xornada comezará ás 10.00 no Castelo de Soutomaior coa conferencia “Sobre a xénese, evolución, situación actual e perspectivas do Pacto de Estado” impartida por Ángeles Álvarez, “militante feminista, unha das fundadoras da Rede Estatal contra a Violencia de Xénero e unha das grandes protagonistas das medidas que inclúe o Pacto de Estado” segundo informou a presidenta provincial.

Ás 12.00 da mañá terá lugar a mesa redonda “Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Análise desde o ámbito xurídico e social” na que participarán Inmaculada Montalbán, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía e ex vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial onde presidiu o Observatorio contra a Violencia de Xénero e a Comisión de Igualdade, e Marisa Soleto, directora da Fundación Mujeres e compoñente do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero.

Pola tarde terán lugar tres obradoiros temáticos. Neste eido, haberá un obradoiro sobre xustiza titulado “Xulgar con perspectiva de xénero como metodoloxía de impartición da xustiza equitativa”, a cargo de Gloria Poyatos, maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza de Canarias e presidenta da Asociación de Mulleres Xuristas; outro sobre imaxe, “Cambiar as imaxes para cambiar o mundo”, de Yolanda Domínguez, artista visual e experta en comunicación e xénero; e outro sobre atención primaria denominado “A atención primaria e o seu compromiso ante a violencia de xénero” a cargo da médica de atención primaria Rosana Izquierdo, responsable do grupo sobre violencia de xénero da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.

A xornada será clausurada ás 18.30 coa conferencia “Pacto de Estado. E agora que?” impartida pola maxistrada do Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Vigo Mª Paz Filgueira.

Esgotadas as prazas de “Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero”

A presidenta aproveitou a ocasión para anunciar que estaban esgotadas as prazas para participar na xornada “Infancia e adolescencia: unha cara oculta da violencia de xénero” que terá lugar o vindeiro sábado, 26 de maio, no Pazo da Cultura de Pontevedra.

A xornada, organizada pola Deputación, o Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo, achegará a visión de expertas sobre as repercusións das violencias machistas na infancia e na adolescencia como María M. Álvarez Lires, Ángeles Parrillo, Azucena Arias, Daisy Alcalde, Iria Vázquez, Sonia Vaccaro, Mariví Fernández, Lola Ferreiro, Paz Filgueira e Estrela Gómez.