O Plan de Patrocinio dos Equipos Galegos de Alta Competición bota andar convidando na súa primeira fase a un centenar de equipos con maioría feminina

O orzamento desta primeira fase será de máis de 2 millóns de euros mentres que a segunda fase, que comezará nos vindeiros meses, convidaranse a outros 113 equipos galegos
Publicado por o día 16/05/2020 na sección de Deportes,Xunta de Galicia

O Plan de Patrocinio dos Equipos Galegos de Alta Competición bota andar convidando na súa primeira fase a un centenar de equipos con maioría feminina

A Fundación Deporte Galego da Secretaría Xeral para o Deporte vén de abrir o prazo de solicitudes para participar na undécima edición do Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición. Esta primeira fase do plan vai dirixida ás entidades galegas que contan con equipos que competiron en modalidades ou especialidades deportivas de máximo nivel estatal en categoría absoluta ou sénior ou previa á absoluta onde as xornadas da súa competición se desenvolveron entre 2019 e 2020.

En total foron convidados un total de 99 equipos -48 femininos, 47 masculinos e 4 mixtos- e representan as modalidades de baloncesto, balonmán, baloncesto en cadeira de rodas, fútbol, fútbol sala, hóckey herba, hóckey patines, rugby, voleibol, tenis de mesa, hóckey liña, bádminton, espada e florete. O prazo de presentación de solicitudes é do 15 ao 24 de maio. A contía destinada para esta primeira fase do plan será de máis de 2 millóns de euros, grazas á colaboración da Xunta de Galicia e ABANCA, patrocinador oficial do plan.

Grazas á consolidación deste plan e a implicación e compromiso das entidades patrocinadas que cumpren estritamente as esixencias publicitarias establecidas pola Fundación, para este ano 2020, unha vez máis, todos os equipos obxecto deste patrocinio serán o escaparate perfecto para demostrar que o Deporte Galego é un soporte publicitario de gran valor para exportar polo mundo a imaxe do noso tecido empresarial galego.

Na segunda fase do plan, que comezará nos vindeiros meses, estímase que outros 113 equipos galegos de alto nivel sexan convidados a participar deste plan da Secretaría Xeral para o Deporte.

O Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición pode ser consultado na páxina web do Deporte galego.

Plan de patrocinio 2019

En 2019 o Plan de Patrocinio Publicitario beneficiou a un total de 191 equipos en toda Galicia (foron invitados ao programa un total de 213) sendo 100 equipos masculinos, 85 femininos e 6 mixtos. Tanto o orzamento total do plan, o número de equipos subvencionados e o número de equipos femininos están a experimentar un incremento constante desde a primeira edición do plan, na tempada 2008-2009.

Comentar noticia

Your email address will not be published.