O Plan galego de formación 2018-2019 permitirá a 3690 desempregados da área de Vigo elixir a súa cualificación entre 246 cursos

A Xunta destina a este programa preto de 12 millóns de euros na comarca viguesa, cun incremento de preto dun 40 por cento respecto á convocatoria anterior
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Emprego,Galicia,Vigo

O Plan galego de formación 2018-2019 permitirá a 3690 desempregados da área de Vigo elixir a súa cualificación entre 246 cursos

A Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, está a poñer en marcha nas próximas semanas o Plan galego de formación 2018-2019, que permitirá que un total de 3690 persoas da área territorial de Vigo sen emprego poidan elixir a súa cualificación a través dunha oferta de 246 cursos. Así o informou hoxe o delegado, Ignacio López-Chaves, quen acentuou o incremento de preto dun 40% dos recursos destinados na comarca viguesa a este programa respecto á convocatoria anterior. En total, o departamento autonómico investirá 12 millóns de euros.

Segundo dixo, trátase dunha iniciativa que forma parte do esforzo que está a realizar a Administración autonómica, a través da Axenda 20, para incrementar e mellorar as oportunidades laborais dos galegos e galegas e para adaptar a formación ás demandas reais do tecido produtivo, “con importantes novidades respecto aos cursos formativos (AFD) do pasado ano”.

Deste xeito, os alumnos e alumnas poderán por primeira vez escoller o centro e a acción formativa que se impartirá en empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos que son os adxudicatarios das axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ademais, os centros de formación terán a posibilidade de seleccionar directamente ao alumnado. Ata o de agora a elección só correspondía ao Servizo Público de Emprego de Galicia.

Así, o alumnado poderá solicitar o centro e a materia na que se desexa formar a través do portal de Emprego https://emprego.xunta.gal/portal/index.php/gl/buscador-de-formacion. Tamén terá por primeira vez a posibilidade de coñecer o custo do curso no que se vai cualificar e que a Xunta apoia ao 100%. A persoa desempregada poderá obter na web toda a información sobre o curso que lle interesa: a data prevista de comezo, o horario, o lugar onde se imparte e os datos de contacto da entidade, así como a posibilidade de solicitar a preinscrición para o posterior proceso de selección que poderá levar a cabo o centro de formación. A cualificación que se imparta permitirá seguir accedendo a certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado e será acorde ás necesidades que demanda o tecido empresarial.

As accións formativas en toda Galicia terán un custo por alumno de entre 266 e 6491 euros. Ofértanse cursos en ata seis concellos da área territorial de Vigo e nos principais sectores da economía galega, como son o metal e naval, as TIC, a automoción, o comercio e márketing, a construción, o turismo e a hostalería, o transporte, a sanidade, os servizos sociais, a seguridade e medio ambiente, o ámbito agrario, as actividades deportivas ou a industria alimentaria, entre outros. No eido do metal e naval cada acción formativa a nivel de Galicia ten un custo medio de 5000 euros por alumno; na automoción e nas enerxías renovables de 3900 euros; e nas TIC e construción de 3600 euros. Cada curso ten unha media de duración de 6 meses.

Comarca de Vigo

Concretamente, na comarca de Vigo están programados 246 cursos, 16 dos cales están organizados polos concellos da área (Mos, O Porriño, Cangas, Moaña e Salvaterra) e 230 por empresas e diversas entidades sociais. Nestes senso, López-Chaves quixo destacar a “complicidade e implicación” dos axentes sociais, “esenciais –dixo- para o éxito das accións que, no marco da formación, ten activadas a Consellería de Economía Emprego e Industria”.

Pola contra, lamentou unha vez máis a ausencia do Concello de Vigo na convocatoria ao carecer a Administración local de centros homologados. Pese a todo, o delegado territorial remarcou que a cidade de Vigo concentra 194 do total dos cursos de entidades e empresas.

Inserción media do 60%

A Xunta continúa impulsando os cursos de formación dirixidos a persoas desempregadas, xa que este tipo de accións formativas alcanzan de media unha inserción laboral próxima ao 60%. Na selección do alumnado terán preferencia as mulleres, parados de longa duración, menores de 30 anos, emigrantes retornados, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, alumnos con baixa cualificación ou persoas que teñan superados un ou varios módulos dun certificado de profesionalidade ou que obtivesen certificados parciais.

O obxectivo do Plan de formación 2018-2019 é o de facilitar o acceso ao mercado laboral das persoas sen emprego de Galicia. Na convocatoria deste ano, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ampliou a dotación orzamentaria inicial co propósito de atender o maior número de solicitudes.

A formación para persoas desempregadas e ocupadas é un reto prioritario para o Goberno galego. Por iso, ten en marcha outro tipo de programas, como son as Unidades formativas na empresa; os obradoiros duais; ou os plans formativos para sectores específicos, como a automoción, o naval ou o forestal.