O “Plastic Attack” chega ao Morrazo

Publicado por o día 05/06/2018 na sección de Galicia,Cangas

O “Plastic Attack” chega ao Morrazo

Esta semana celébranse dúas datas importantes para o noso planeta, o día Mundial do Medio Ambiente e o día dos Océanos. Dende Amigos da Terra, Recolte e a Mancomunidade de Concellos do Morrazo, a través da súa campaña conxunta Residuo Mínimo poñeremos o foco na problemática dos plásticos para o medio ambiente, os nosos mares e a nosa saúde.

Activistas de Amigos da Terra estarán esta semana en Cangas e Bueu (mércores 6) e Moaña (luns 11) diante de grandes supermercados nos que pretenden sensibilizar ás persoas consumidoras do sobreenvasado das súas compras, dos impactos de todos estes plásticos no medio ambiente e da existencia de moitas alternativas de moi fácil integración nas súas vidas, que axudarían a revertir a situación dun xeito moi notable.

Baixo o lema “Plastic Attack”, motivarán á cidadanía a revisar as súas compras e deixar no posto informativo os plásticos innecesarios e as embalaxes supérfluas que atopan na súa compra, para visibilizar o exceso de plásticos que día a día consumimos e as alternativas reutilizables que como consumidores/as críticos/as podemos incorporar ás nosas rutinas para reducir os residuos que xeramos. Ademais, convidaremos mediante unha carta que entregaremos a supermercados e grandes empresas a sumarse á moda do Residuo Cero e a que ademáis de promover a reciclaxe nos seus establecementos, poñan a disposición da cidadanía cada vez máis produtos a granel e menos envases innecesarios e perxudiciais para as persoas e o medio ambiente.

A iniciativa forma parte do movemento denominado #DesnudaLaFruta, ao que nos sumamos e que busca que a cidadanía extenda este tipo de accións por toda a xeografía e denuncie a través de fotografías nas redes sociais o ridículo e grave que pode chegar a ser este sistema de envases supérfluos e dun so uso envasando, por exemplo froitas peladas en bandexa de poliexpan para a súa conservación (en lugar de deixar a proteción natural da froita).

Ademáis, en Galicia, de todos os plásticos que se poñen no mercado, nin sequera un 15% chega a ser reciclado, isto significa que acaban en vertedoiros, incineradoras e o que é peor, nos nosos montes, ríos e mares, despilfarrando así toneladas de recursos naturais precisas para fabricar elementos cunha vida útil de non máis de 10 minutos e con fácil sustitución.

Segundo o Programa Medioambiental de Nacions Unidas (UNEP), cada ano chegan ata 12 millons de toneladas destes residuos aos nosos mares, provocando danos moi graves á fauna mariña e intrioucíndose na cadea alimenticia a través dos microplásticos. Segundo as previsións, se a situación continúa como ata o de agora, no 2050 haberá máis plásticos que peixes no mar.

Para frear esta situación é imprescindible reducir drásticamente a produción de plásticos e eliminar todos aqueles que sexan dun so uso, tal e como ademáis obriga a Comisión Europea na nova Directiva de plásticos pendente de ser aprobada nas vindeiras semanas.