O Pont-Up Store enxalza en Pontevedra a vitalidade do emprendemento

O evento complétase coa celebración de máis de 40 actividades
Publicado por o día 22/09/2018 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo

O Pont-Up Store enxalza en Pontevedra a vitalidade do emprendemento

Poñer en valor o “talento transformador” dos emprendedores e emprendedoras é o propósito central do Pont-Up Store, o encontro de emprendemento impulsado pola Universidade de Vigo, no marco do Campus Crea S2i, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, no que desde este venres 45 novas empresas, seleccionadas de entre 144 candidaturas, dan a coñecer os seus produtos e servizos no recinto instalado na praza de España pontevedresa. Recinto que este mediodía acolleu a inauguración dun encontro que permite demostrar tamén “que o país ten moita vitalidade”, como salientou o profesor Pedro Figueroa, presidente do comité organizador dun evento que se complementa coa organización, entre a xornada do xoves e este sábado, de máis de 40 actividades en diferentes puntos da cidade.

“Esta é unha iniciativa moi ben encamiñada co ADN da Universidade de Vigo”, salientou o reitor, Manuel Reigosa, neste acto, no que puxo de relevo a aposta “pola integración da Universidade no tecido socioeconómico” e a vontade da institución de “devolver á sociedade o que a sociedade nos dá”. Nun acto inaugural que reuniu a representantes do Concello, Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, AJE Pontevedra, Abanca e , e no que participaron tamén o vicerreitor do campus, Jorge Soto; e as vicerreitoras de Transferencia, Consuelo Pérez, e Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, puxo en valor a importancia da colaboración entre institucións á hora “dar visibilidade a pé de rúa á capacidade das empresas”. Nese mesmo senso, o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, salientou que promover “a cultura do emprendemento é unha tarefa, que polo seu tamaño e transcendencia, esixe da participación de todos”.

Novas tecnoloxías e emprendemento en feminino

Combinando nalgúns casos varias das modalidades de participación no encontro, 45 empresas teñen neste evento un escaparate para dar a coñecer as súas ideas de negocio. 37 fano nos stands gratuítos deste recinto, onde seis levarán a cabo tamén diferentes actividades demostrativas,mentres que dez participan na noite deste venres no Puntazo Express, no que poderán dar a coñecer a súa idea de negocio a cinco executivas de empresas e entidades galegas, entre as que figura a catedrática da Universidade de Vigo, directora do Cinbio e promotora da spin-off NanoInmunotech África González.

“O lema desta edición, que é o talento transformador, está visible aquí”, salientaba Pedro Figueroa dunha edición na que a tecnoloxía e a visibilización da muller emprendedora foron os eixos “que marcaron gran parte das máis de 40 actividades” inseridas nun programa realizado “grazas á colaboración de máis de 80 persoas e institucións”. Nun acto que contou tamén coa presenza de Kore, a “deusa do emprendemento e a innovación”, que centra a imaxe promocional desta edición, Figueroa puxo tamén de relevo a importante presenza entre os seleccionados e seleccionadas nesta edición das iniciativas baseadas nas novas tecnoloxías, ás que se suman empresas de ámbitos como saúde e benestar, turismo, téxtil, gastronomía ou xestión cultural.

Unha plataforma na que gañar visibilidade

Así, nos diferentes espazos deste evento atópanse iniciativas que van do uso da fabricación de equipos de audio a unha rede social de turismo colaborativo, unha escola de feminismos alternativos ou unha proposta baseada nas terapias con animais. “Estamos encantados de estar aquí porque danos moita visibilidade”, salienta Luis García, impulsor de Cajasazules.com, dun evento ao que acode a presentar un proxecto empresarial, “que ata agora non existía en Galicia” e baseado no aluguer de caixas para mudanzas ou reformas.

Así mesmo, nesta quinta edición incorporase por primeira vez un stand institucional da Universidade de Vigo, no que as e os visitantes poden coñecer o funcionamento dun robot capaz de moverse libremente polo espazo a través de sensores cos que detecta posibles barreiras, á vez que coñecer diferentes aplicacións da man de investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal. Este espazo reúne tamén información das diferentes titulacións de tal xeito “que a persoas que acudan teñan un punto de información continuo durante dous días”, como salientou Caparrini.

Ademais, estudantes e titulados da Universidade figuran entre os emprendedores e emprendedoras seleccionados, como é o caso dos impulsores de Aliadogs, unha comunidade de coidadores de mascotas e usuarios destes servizos impulsada polos egresados da EE de Telecomunicación Diego Alonso e Rabi Ouallam e a alumna de CCSS e da Comunicación Cora Diz. “É unha oportunidade de ter visibilidade de estar en contacto coa xente”, salienta Diz da súa presenza neste evento, que coincide coa posta en marcha dunha tenda online, na que comercializarán camisetas e bolsas das que “a metade dos beneficios irán destinados a protectoras galegas”. Co mesmo propósito de dar a coñecer os seus servizos acudiu tamén ao FreshySweet, unha júnior empresa integrada por alumnado de CCSS e da Comunicación. “Dedicámonos a facer servizos de publicidade e estamos intentando abarcar máis, traballar con outras empresas de Pontevedra”, salientan Nuria Grandío e Yaiza González, dúas das integrantes dunha empresa na que os ingresos xerados pola súa actividade destínanse “á organización de actividades e accións formativas”.

Tres días, máis de 40 actividades

Aínda que o recinto da Praza de España iniciase a súa actividade na mañá deste venres, o Pont-Up Store arrincou este xoves cunha xornada previa na que tiveron lugar actividades como o workshop I´m Remarkable, centrado na visibilización do papel da muller na empresa, que Google impartía en España por primeira vez, tras converterse nun dos novos colaboradores do encontro. Así mesmo, o xoves tamén se puxo en marcha na Casa das Campás o Espazo Ecobas de Economía Social, que acolle diferentes iniciativas sobre a creación de proxectos de economía social e solidaria ou creación de emprego a través da fórmula cooperativa. A sede da Vicerreitoría alberga así mesmo unha exposición dos materiais gráficos das cinco edicións dun evento polo que, como lembrou Figueroa, pasaron nestes cinco anos 210 empresas, das que o 89% continúan en activo, no que se organizaron 150 actividades, con preto de 4000 asistentes e que acumulou tamén preto de 90.000 vistantes.

Por outra banda, o xoves púxose en marcha outra das novidades desta edición o Espazo Gaming, que acolle diferentes talleres e actividades vinculadas “a un sector de xeración de novas empresas”, como é a industria dos videoxogos, explicou Figueroa. Xunto a esta iniciativa, o evento promove tamén, na Sala X da Facultade de Belas Artes, un Fab-Lab centrado desta volta no uso da fabricación dixital de instrumentos musicais. En total, máis de 40 actividades, entre encontros, talleres, coloquios ou xuntanzas de diferentes entidades vinculadas ao eido do emprendemento, integran o programa dun evento que continúa na tarde do venres e na xornada do sábado con iniciativas como o encontro Emprende con WordPress, que a Comunidade WordPress de Pontevedra promove esta tarde en Belas Artes como prólogo á WordCamp que celebran na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; a carreira de empresas que este sábado promoven AJE Pontevedra e Abanca, ou o encontro sobre mentoring en feminino que promove a Asociación Española de Mentoring e Consultoría.