O Pont-Up Store presenta o programa máis ambicioso e sostible da súa traxectoria

A concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, califícao como “un evento ineludible do calendario feiral de Pontevedra”
Publicado por o día 12/09/2019 na sección de Pontevedra,Galicia

O Pont-Up Store presenta o programa máis ambicioso e sostible da súa traxectoria

Este mediodía presentouse en Pontevedra o programa oficial da 6ª edición desta cita que desembarcará en Pontevedra dentro dunha semana e que se consolida como o referente para mostrar o emprendemento galego. Serán tres intensos días de actividades, ideas de negocio, obradoiros, workshops, charlas inspiradoras e presentaciónns de novas iniciativas empresariais, que a organización presentou como a programación máis ambiciosa ata o momento. No acto participaron Gloria Blanco, concelleira de Promoción Económica de Pontevedra; Gregorio Luís Agís Gómez, deputado provincial da Deputación de Pontevedra; Jorge Soto, vicerreitor do Campus de Pontevedra; e Pedro Figueroa, director do PONT-UP STORE.

Gloria Blanco confirmou a relevancia do evento para a cidade de Pontevedra e dentro do programa resaltou o espazo dedicado á igualdade nesta edición. Pola súa parte, Gregorio Luís Agís asegurou que “o encontro ofrece instrumentos para potenciar o emprendemento e reforzar o tecido empresarial e as novas iniciativas en toda Galicia”. O vicerreitor Jorge Soto, en referencia á Universidade, asegurou que “somos parte dos procesos culturais e económicos da cidade e por iso apostamos por propostas como o Pont-Up Store que cada ano presenta propostas de máis calidade, congrega máis participantes e consegue maior compromiso por parte das institucións”.

Por último, Figueroa foi debullando un programa que volverá ter o seu epicentro na carpa situada na Praza de España o venres 20 e sábado 21 de setembro, onde será posible coñecer os 46 emprendementos con máis potencial de desenvolvemento entre un total de 168 candidaturas procedentes de toda Galicia, o que supón un incremento do 17% con respecto á anterior edición. Pedro Figueroa lembrou que “non foi tarefa fácil  para o comité organizador seleccionar as 46 empresas que van participar no encontro, e deixar atrás 122 candidaturas do total das 168 recibidas nesta edición; pero é síntoma do potencial de que ten Galicia e tamén do nivel que alcanzado polo evento, que se consolida progresivamente como o maior encontro do novo emprendemento en Galicia”. Destas 46 empresas seleccionadas, 34 contarán cun stand gratuíto para mostrar os seus productos, ideas e servizos, e 14 terán tamén a oportunidade de participar no programa de actividades demostrativas, con propostas tan interesantes como demostracións de marketing olfativo, probas con vehículos eléctricos, sesións de formación científico-tecnolóxica para a rapazada, un taller de maxia, un obradoiro de panadería artesá e unha proposta práctica sobre como conseguir a difícil e sen embargo posible tarefa de reducir o noso consumo de residuos plásticos.

Galician Rural Lab
No marco da nova edición da feira, a emprendedora Alba Sotelo vai presentar unha experiencia de desenvolvemento rural orientada á formación audiovisual na que se inclúe a gravación dun programa de radio en directo durante o evento e un proxecto de podcast arredor de iniciativas de emprendemento. Ademais, no Espazo Fab Lab desenvolveranse obradoiros de stop motion para nenas e nenos de 1 a 12 anos; e unha charla educativa para pais, nais, titores e titoras, sobre o uso das tecnoloxías nas xeracións nativas dixitais.

No Espazo de Economía Social e Creativa vaise organizar unha cata de ideas arredor do proxecto Interrreg Va-Laces; un mural de co-creación baseado nunha economía con valores sociais e responsábeis; e unha xuntanza de empresas culturais e creativas que traballan desde fórmulas de emprendemento social. Tamén se convocarán, como cada ano, os encontros anuais de distintas entidades do ecosistema emprendedor como Espazocoop, A Redeira, AJE Galicia, WordPress ou Mulleres Atlánticas.

Os desafíos do emprendemento e a dixitalización
As entidades pontevedresas AEMPE, AJE Pontevedra e Cámara de Comercio van organizar tamén, no marco do encontro, un almorzo de traballo sobre novos xeitos de crear unha empresa e, tamén, sobre as ferramentas tecnolóxicas que deben dominar as persoas que emprenden para garantir o éxito da súa iniciativa.

O almorzo Os novos camiños do emprendementocelebrarase o sábado 21 de setembro permitirá coñecer os novos desafíos domercado a través dunha serie de pílulas informativas achegadas por Marcelo Toural (O marketing móbil que vén para quedarse) e Diana Fernández (A internacionalización das PEMES e micro-pemes como panca de crecemento).

Marcelo Toural (Krack Zapaterías) é o director executivo de Krack Co, un grupo galego que xestiona preto de 50 tendas de calzado das insignias Krack, Bross, Geox, Clarks e Pikolinos, e a tenda en liñakrackonline.com. Así mesmo, é socio fundador da firma de consultoría G3M Operational Consulting, especializada na mellora e optimización de operacións e vendas en empresas, e de tupsicologateescucha.es, unha web de atención psicolóxica domiciliaria.
Marcelo Toural, que ao longo da súa traxectoria profesional traballou en compañías multinacionais como Atos Consulting, Accenture e Roberto Verino, é enxeñeiro industrial pola Universidade de Vigo eexecutive-MBA polo Instituto de Empresa, Posgrao en Loxística pola Universidade de Vigo e o Centro Español de Loxística.

Pola súa banda, Diana Fernandez Soutullo, é experta en internacionalización de empresas e especialista en dereito das TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), protección de datos e propiedade intelectual e industrial. Apaixonada pola internacionalización con éxito das empresas, nos últimos cinco anos implantou sociedades en máis de 30 países (Kenia, Kazahstan, Portugal, Dubai, Australia…). Amais, traballou para o sector público en materia de sanidade e para o sector privado no sector do turismo de saúde e do mundo dixital internacional.

Puntazo Exprés
O formato ‘talent bussiness’ lanzado polo Pont-Up Store hai catro edicións, volverá celebrarse de novo na Casa das Campás con acceso aberto, permitindo que o público presencie as presentacións dos  10 emprendementos seleccionados, que terán a oportunidade de explicar en 5 minutos o seu negocio a importantes executivas e executivos de grandes empresas e entidades galegas que lles darán un feedback inmediato sinalando eivas e fortalezas e achegando recomendacións, suxestións e consellos para mellorar cada emprendemento. As persoas expertas que formarán parte deste tribunal na presente edición serán Uxía Fontán Lago, social media e directora de inbound marketing en Roi Scroll; Carlos Suárez Rey, socio e director xeral de EDISA; Jessica Rey Gómez , responsable de marketing en Casa Grande de Xanceda; e Tomás Casquero Cimadevila, director xeral da biotecnolóxica galega Hifas da Terra.

Empredementos sostibles
Figueroa indicou tamén que este ano, destaca a cantidade de empresas de nova creación que plantexan solucións para reducir a pegada ecolóxica desde múltiples ambitos; e tamén as iniciativas para activar o rural galego. De feito case a metade das seleccionadas teñen a sostibilidade como liña central do seu negocio. Entre elas destacan Huella Menguante, unha tenda online de productos de uso diario orientados a reducir os residuos plásticos, productos reutilizables, biodegradables e de cercanía;Beflamboyant, fabricante de zapatillas veganas; eezon E3, fabrican scooters eléctricos de 3 rodas para moverse pola cidade;D- Raíz, unha marca de complementos de moda sostible manufacturados en Galicia; Estudio Avelaíña e Cetácea Studiofan deseño creativo sostible co obxectivo de “salvar o mundo”; A Factoría Atelier recuperan mobles e fan creacións artesanais de decoración e complementos a partir de materiais recuperados e sustentables; Meraki Ferments son os primeiros en elaborar Kombucha en Galicia; Somos Terra, ofrecen formación en sostibilidade e asesoramento en desenvolvemento sostible;Farrapos e contos, é un movemento ecolóxico, sostible, solidario e consciente creado a partir dunha marca de roupa conta contos; a cooperativa Catro Ventos, é unha editora que enfocada a publicacións de ecoloxía, consumo sustentable e economía social;Toxo Aventura e Rooteiro, ofrecen interesantes propostas de turismo sostible; e a cooperativa Triquels, que axuda a empresas e marcas con valores a mellorar a súa comunicación e sustentabilidade. Aínda dentro da sustentabilidade, é esperanzadora a cantidade de negocios lanzados desde o rural ou co obxectivo de actívalo. MycoGalicia Plantae, céntrase na xestión e valorización do recurso micolóxico dos montes galegos para o desenvolvemento rural; Tres Fuciños, é unha cooperativa de porcos celtas criados en liberdade nos nosos montes de castaños e carballos; e Galician Rural Lab, propón unha plataforma de empoderamento das parroquias do rural galego a través do método da fotografía e o vídeo participativo. Tamén ven do rural A3 Proyectos, dedicada á representación virtual de proxectos de Enxeñaría e Arquitectura. Outras propostas con base teconolóxica son Kidcode, pero neste caso cun proxecto de formación científico-tecnolóxica para rapaces, enfocado a axudarlles a identificar os seus talentos e habilidades a través da tecnoloxía.  TICgal que dá soporte a unha aplicación opensource chamada GLPI; Nososono, un espazo online onde artistas, deseñadores emerxentes e artesáns expoñen, difunden e venden os seus produtos pensados e fabricados a man; Mundo Escénico, unha plataforma dixital creada co obxectivo de modernizar, democratizar e facer máis accesible o mundo das Artes Escénicas en Galicia; Koompany Growth Partner, unha consultora de crecemento, negocio dixital e marketing online; Revista Morcego, publicación dixital centrada exclusivamente en información sobre videoxogos en galego; Siente VR, unha productora de contidos inmersivos a través de fotografía e vídeo en 360º.

Novas incorporacións ao equipo do Pont-Up Store
O encontro Pont-Up Store está liderado polo Campus Crea de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello local como patrocinador principal, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante seis anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores, co obxectivo común de converter Pontevedra na capital galega das mellores iniciativas empresariais. Este ano, súmanse a este equipo FINSA, Gadis, AEMPE e a Secretaría Xeral de Igualdade.