A Deputación de Pontevedra programou para este mes de novembro sete novas accións formativas do programa “SmartPeme” para o concello do Porriño. Estas sesións están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, “SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.
Deste xeito, os cursos que se impartirán desde este martes día 5 ata o 28 de novembro serán os seguintes: Copywriting para a Promoción de Tours, Experiencias e Actividades, que se desenvolverá o martes 5 de novembro de 17.00 a 19.00 horas, Crea unha Páxina Profesional con WordPress, que terá lugar o martes 12 de novembro de 18.00 a 21.00 horas, Iniciación ao SEO I: Conceptos, Palabras Clave e Primeiros Pasos, que será o xoves 14 de novembro de 19.00 a 21.00 horas, Iniciación ao SEO II: Optimiza a túa Páxina Web para Gañar Visibilidade, cuxo horario será de 19.00 a 21.00 horas o martes 19 de novembro, Crea un Plan de Márketing para a Campaña de Nadal, que se desenvolverá o xoves 21 de novembro de 19.00 a 21.00 horas, Crea as túas Fotografías para a Campaña de Nadal, que será o martes 26 de novembro de 19.00 a 21.00 horas, e Como Utilizar Instagram para Promover a túa Empresa, que terá lugar o xoves 28 de novembro de 19.00 a 21.00 horas.
A totalidade destes obradoiros será impartida no Multicentro do Concello do Porriño (Ribeira, s/n, Torneiros). As inscricións para tomar parte nas accións formativas pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal. Ademais, o programa formativo SmartPeme estrea Twitter (@smartpeme) e Facebook (SmartPeme).
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.