O portal web do Sergas rexistrou o pasado ano máis de 2,2 millóns de visitas, un 50,8% máis que en 2017

O número de páxinas vistas nese mesmo período de tempo superou os 18,5 millóns
Publicado por o día 13/04/2019 na sección de Sanidad

O portal web do Sergas rexistrou o pasado ano máis de 2,2 millóns de visitas, un 50,8% máis que en 2017

Un total de 2.260.449 persoas accederon durante o pasado ano a web corporativa do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), o que supón un incremento respecto ao ano anterior dun 50,8%. Asemade, o número de páxinas consultadas nese mesmo período de tempo foi de 18.545.378, preto de 6,5 millóns máis que no ano 2017.

A web do Sergas amósase como unha canle de participación con total transparencia e dende a que a sanidade pública galega pode actuar con criterios de proactividade, contactando coa cidadanía para axudarlle no coidado da saúde, na prevención, na protección contra posibles riscos, ou facilitarlle servizos e accesos aos mesmos no seu domicilio.

Internet representa un valor engadido no servizo sanitario, xa que ofrece a posibilidade non só de mellorar a información e a comunicación directa, senón que tamén permite eliminar as barreiras de acceso (burocráticas ou de distancia xeográfica) á sanidade pública galega. Esta canle, xunto co teléfono, están activas dende o domicilio dos usuarios ou dende o seu posto de traballo os 365 días do ano e as 24 horas ao día.

Proba disto reflíctese en que un dos apartados máis utilizados polos usuarios ao longo do pasado ano a través da propia páxina web do Sergas foi o da cita previa de atención primaria, que rexistrou máis de 1,6 millóns de visitas. Por medio deste servizo, a cidadanía pode solicitar dende calquera dispositivo electrónico conectado a Internet, e a calquera hora do día, unha cita co médico de cabeceira (xa sexa para consulta ou para receitas), co pediatra, coa matrona ou coa enfermeira, sen ter que desprazarse ao seu centro médico. Isto non só achega os servizos aos usuarios, senón que tamén lles evita desprazamentos. Con máis de 220.000 visitas, a sección de É-saúde sitúase como outros dos apartados máis visitados pola cidadanía galega en xeral.

O interese xerado pola información máis específica maniféstase no número de visitas rexistradas dende a web corporativa do Sergas ao apartado de Recursos Humanos. Esta sección rexistrou o pasado ano en total máis de 2,3 millóns de visitas, sendo o emprego público e a oficina profesional de expediente electrónico os máis consultados.
Este interese polo emprego público e pola consulta de expediente de aspirantes seleccionados nos diferentes procesos selectivos, nas listaxes ou nos concursos de traslados maniféstase tamén nos termos claves de busca única. Neste senso, subliñar que a palabra “fides” (oficina do profesional) rexistrou 4.475 buscas únicas; “traslados”, 3.173 e “ope” 556.

A nivel xeral, os termos máis frecuentes foron “vacinas”, que contabilizou 723 buscas únicas na web, ou “acis” (Axencia do Coñecemento en Saúde), con 1.033 buscas.

A duración medida da sesión (2,34 minutos o pasado ano), xunto co número de páxinas por sesión (3,15 de media) reflexa o interese por parte dos usuarios pola información e os servizos prestados a través do portal web do Sergas.

Os meses con máis entradas rexistradas foron outubro, con 326.016 visitas e máis de 2 millóns de páxinas vistas, seguido de setembro, con preto de 1,6 millóns de accesos a páxinas da web e 304.979 visitas de usuarios.

Cómpre subliñar tamén que as canles de acceso á web foi o pasado ano nun 62,8% a través de buscador e nun 31,8% a través da propia url da páxina do Sergas. Só se accedeu nun 5,2% ao portal a través doutras publicacións.

Tanto a web corporativa do Sergas como os diferentes portais temáticos (como o da gripe, úlceras fora, Xente con vida, Código 100, Bibliosaúde…) postos en marcha polo departamento sanitario que dirixe Jesús Vázquez Almuiña son unha clara aposta por achegar á información e os servizos en saúde á cidadanía en xeral, aos profesionais e aos pacientes, a través das novas tecnoloxías.