A nova edición dos Premios Galicia Parabéns que outorga Turismo de Galicia para distinguir o traballo no eido xacobeo de institucións e colectivos mantén aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro luns 2 de abril.
Con eles, a Xunta de Galicia premia as actuacións públicas destinadas a conservar, mellorar e embelecer as paisaxes, os núcleos poboacionais e os Camiños de Santiago dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Poderán participar nesta convocatoria os concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades de concellos e os consorcios locais galegos que o requiran.
Os premios están distribuídos en dúas categorías: a primeira distingue as iniciativas ou actuacións realizadas –nos últimos dez anos- para conseguir unha mellora da paisaxe, unha integración axeitada nesta de elementos antrópicos (arquitecturas, estradas, industrias, canteiras…), ou da propia mellora estética dos núcleos poboacionais, entre outras. A segunda categoría premia os mellores proxectos dirixidos á realización de obras de revalorización tanto para promover unha mellora da paisaxe como para intervencións nos núcleos poboacionais ou nos lindes dos Camiños de Santiago.
Os interesados en concorrer a estes premios poden consultar as bases da convocatoria así como a documentación precisa a presentar no Diario Oficial de Galicia.
Proxectos turísticos
Con estes recoñecementos, a Xunta avanza así na mellora no impulso de proxectos turísticos que impulsen Galicia como un destino mellor, da súa paisaxe e do seu patrimonio. Na súa primeira edición o Goberno galego premiou aos concellos de Boqueixón, polo seu esforzo na mellora do Pico Sacro, un fito clave no relato xacobeo, e o compromiso de levar a cabo novas actuacións como o reacondicionamento do centro de interpretación do Pico Sacro. Tamén se premiou ao Concello de Portomarín, polo seu proxecto para reordenar o Parque Agustín do Río.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.