O prazo para solicitar o voto accesible para persoas con discapacidade visual remata o próximo luns

Os interesados deben comunicalo ao teléfono do elector 900 825 520
Publicado por o día 03/03/2020 na sección de Política

O prazo para solicitar o voto accesible para persoas con discapacidade visual remata o próximo luns

O prazo para solicitar o voto accesible para persoas con discapacidade visual remata o próximo luns, 9 de marzo. Os interesados deben comunicalo ao teléfono do elector 900 825 520 en horario de 9,00 a 20,00, de luns a domingo.

Este procedemento está dirixido a aquelas persoas con discapacidade visual que coñezan o sistema de lecto-escritura Braille e que teñan recoñecido un grao de minusvalía igual ou superior ao 33% ou sexan afiliados á Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE).

Os solicitantes que habiliten esta vía poderán utilizar papeletas normalizadas, xunto cunha documentación específica en sistema Braille que se atopará baixo a custodia do presidente da mesa electoral na que lle corresponda exercer o dereito de voto. Trátase dun procedemento voluntario: aquelas persoas que o desexen poderán seguir sendo asistidas por unha persoa da súa confianza, tal e como prevé a Lei orgánica do réxime electoral xeral.

Os/as electores/as deben indicar na súa comunicación: nome, apelidos, domicilio, documento nacional de identidade e número de teléfono de contacto. Ademais, deben manifestar o coñecemento do sistema de lecto-escritura Braille e que teñen recoñecido un grao de minusvalía igual ou superior ao 33%, ou ser afiliados á Organización Nacional de Cegos Españois. Realizada a comunicación, o/a elector/a con discapacidade visual recibirá unha confirmación que o a habilitará para recoller a documentación na correspondente mesa electoral.

Toda a información relacionada con este procedemento, e coas eleccións do 5 de abril en xeral, pode consultarse na web https://eleccionsgalicia2020.gal/