O programa ‘Campos de Voluntariado’ permite á Xunta achegar Galicia aos mozos do exterior a través de actividades de voluntariado e de lecer

O programa está dirixido a galegos de entre 20 e 30 anos que residan fóra de Galicia, e combina actividades de recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico coas de aproximación a diferentes lugares e tradicións galegas
Publicado por o día 07/05/2019 na sección de Educación,Xunta de Galicia

O programa ‘Campos de Voluntariado’ permite á Xunta achegar Galicia aos mozos do exterior a través de actividades de voluntariado e de lecer

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o programa de axudas para a participación no programa Campos de Voluntariado deste ano, cuxo prazo de solicitudes rematará o 6 de xuño. Esta proposta do Goberno galego persigue achegar a realidade, a cultura e a historia de Galicia aos mozos galegos que residen no exterior, que tamén terán ocasión, así, de reforzar o contacto cos seus familiares que vivan na comunidade autónoma.
Os candidatos poderán optar a unha das 22 prazas dispoñibles para esta convocatoria, organizada pola Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, aqueles mozos de entre 20 e 30 anos que teñan nacido en Galicia ou sexan descendentes dun emigrante galego e teñan nacionalidade española. Do total de prazas, 5 estarán destinadas a galegos da Arxentina, 4 para os do Uruguai, 3 para os do Brasil e 2 para os de Venezuela, Cuba, resto de América, de Europa e de España, respectivamente.

Recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico

Durante a súa estadía en Galicia, os participantes realizarán “actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos” cuxo principal obxectivo será “a procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental da nosa contorna e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico”, tal como figura na resolución publicada onte no DOG. “Ademais do traballo”, engade a convocatoria da Secretaría Xeral da Emigración, “ofrécese un programa con actividades de convivencia, de formación, de lecer e tempo libre” no que tamén participarán os beneficiarios deste programa.

O programa deste ano consistirá na participación nun campo de traballo no concello lucense de Portomarín. As instalación e datas concretas de celebración do campo de voluntariado divulgaranse proximamente a través da convocatoria que difundirá a propia Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou, en caso de non ter acceso a estes recursos, en calquera das entidades colaboradoras.

A Consellería de Política Social colabora na execución deste programa poñendo á disposición das persoas beneficiarias os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís e residencias asignadas. E a Secretaría Xeral da Emigración, pola súa banda, farase cargo da organización da viaxe e dos traslados aéreos das persoas participantes mediante o financiamento do custo dos billetes de ida e volta en avión, e dos desprazamentos terrestres de todas as persoas participantes que realicen un retorno inmediato desde a instalación en que rematen a actividade ata o aeroporto de saída.

Máis información sobre esta convocatoria nesta ligazón.

Comentar noticia

Your email address will not be published.