Este venres, Marín será o escenario da quinta xornada do programa “Degusta Europa“, iniciativa impulsada pola institución provincial con motivo do Día de Europa. O programa, que este ano celebra xa a súa terceira edición, ten por obxectivos levar aos mercados da provincia “a innovación e vangarda gastronómica da man do alumnado dos centros Manuel Antonio de Vigo e Carlos Oroza de Pontevedra, e poñer en valor os nosos mercados e produtos elaborando en directo e con produtos das nosas rías e da nosa terra unha serie de tapas inspiradas na temática europea”.
A Praza de Abastos de Marín acollerá a degustación e as elaboracións do alumnado do CIFP Carlos Oroza, que están relacionadas con países europeos como Francia, Portugal, Islandia, Inglaterra, Dinamarca, Holanda e Noruega, e coa campaña “Somos Historias”, fío central da promoción deste ano da Deputación de Pontevedra. Deste xeito, esta iniciativa da institución provincial presenta pratos de diferentes países ao tempo que pon en valor os produtos locais, recupera a imaxe dos nosos mercados tradicionais e da a coñecer a importante labor que realizan desde estes dous centros formativos da provincia.
Ademais de Marín, A Guarda, Cangas, Vigo e Lalín, “Degusta Europa”, que serviu máis de 20.000 tapas nos anos 2016 e 2017, chegará nesta quenda ao mercado de Vilagarcía, o 15 de maio de 11:00 a 12:00 horas.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.