O programa “Depo en Marcha 2018” inicia esta semana cinco novos obradoiros na provincia de Pontevedra

Case 80 persoas maiores participarán en distintos talleres nos municipios de Ponteareas, Poio, Vigo e Meaño
Publicado por o día 15/10/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

O programa “Depo en Marcha 2018” inicia esta semana cinco novos obradoiros na provincia de Pontevedra

Ao longo desta semana un total de 79 persoas comezarán na provincia cinco novos obradoiros enmarcados no programa “Depo en Marcha 2018“. Os talleres iniciaranse nos municipios de Ponteareas, Poio, Vigo e Meaño. “Depo en Marcha” é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra encamiñada a favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros e actividades formativas que lles permitan mellorar a súa calidade de vida e evitar o illamento e a soidade.

Máis polo miúdo, en Ponteareas comeza mañá martes un obradoiro de Licores Caseiros na Asociación Cultural Casa Cultural de Arcos, no que van a participar 17 persoas todos os martes, de 17:00 a 19:30 horas, ata o 18 de decembro.

En Poio, tamén mañá, 19 persoas do Centro Social do Concello de Poio iniciarán un taller de Baile de Salón, que será todos os martes e venres, de 20:00 a 22:30 horas, ata o 23 de novembro. Tamén en Poio, 15 persoas da Asociación de Veciños Cultural e Deportiva de Lourido van iniciar este venres o mesmo obradoiro (Baile de Salón), que terá lugar tódolos venres, de 17:00 a 19:00 horas, ata o 28 de decembro.

Por outra banda, en Vigo, a Asociación Veciñal Fonte do Galo organiza un obradoiro de Arte Floral os mércores, de 12:00 a 13:30 horas, ata o vindeiro 26 de decembro, unha actividade para a que están inscritas 15 persoas.

En Meaño, comeza o xoves un obradoiro de Internet-Correo Electrónico-Móbil na Asociación Veciñal San Juan de Meaño, no que van a participar 13 persoas todos os xoves, de 20:00 a 22:30, ata o 27 de decembro.