Se o pasado ano o primeiro concurso de debuxo infantil, “Descubre a túa provincia”, permitiu que as nenas e nenos amosaran a través das súas obras lugares emblemáticos do noso contorno e a súa riqueza turística, a Deputación de Pontevedra propón, desde este luns, un novo reto artístico para elas e eles nestes días de confinamento. A institución convoca o certame de debuxo en liña “O que ves desde a túa xanela”, dirixido ás nenas e aos nenos de ata 14 anos de idade, que os anima a debuxar aquelas paisaxes que estes días lles chaman a atención desde as súas fiestras ou balcóns, ou tamén aqueles lugares da provincia onde compartiron experiencias coas súas familias ou amizades e aos que lles gustaría volver cando esta pandemia sanitaria termine. O concurso establece tres categorías: a primeira ata os 6 anos de idade, a segunda de 7 a 11 anos e a terceira de 12 a 14 anos (incluídos).
A novidade con respecto ao concurso do ano pasado é que, neste caso, a participación é en liña. Así, as nenas e nenos poderán enviar ata o 31 de maio os seus debuxos a través dun formulario dispoñible na páxina web da Deputación (www.depo.gal/o-que-ves-desde-a-tua-xanela) pero, tendo en conta as dificultades para imprimir que algunhas persoas poden ter desde a casa, terán dúas opcións: mandar directamente unha fotografía ou imaxe escaneada do debuxo (en formato pdf, jpg ou png) ou ben, se teñen medios, imprimir a lámina coa creatividade do concurso que está dispoñible na páxina web, facer nela o debuxo e fotografalo para remitilo tamén a través do mesmo formulario.
Os debuxos deben estar feitos a man, coa técnica que desexen (de forma separada ou mesturada): lapis, ceras, témperas ou acuarelas; e o formato ten que ser un folio de tamaño DIN-A4, en posición vertical ou horizontal. Xunto cos traballos, as e os participantes deberán introducir no citado formulario os seus datos persoais e os da súa nai, pai ou persoa titora, a súa idade, a localidade onde reside, un teléfono e un correo electrónico de contacto. As obras deberán ter tamén un lema; unha frase coa que a autora ou autor titulará o seu traballo. Só se admitirá un traballo por participante.
En todos os casos as e os autores do mellor debuxo recibirán como premio unha experiencia turística da que poderán gozar con toda a súa familia. Na primeira categoría será unha visita guiada polo castelo de Soutomaior e a súa participación no xogo “Detectives no castelo”, mentres que na segunda tamén será unha visita guiada polo castelo de Soutomaior e, no caso da terceira, unha experiencia pola Ruta do Viño das Rías Baixas.
O xurado estará integrado por profesionais da Deputación, que valorarán tanto a orixinalidade do debuxo coma a súa calidade, tendo presente a idade da autora ou autor. A decisión sobre as obras gañadoras terá lugar o 1 de xuño e o xurado comunicarállela ás e aos premiados o mesmo día a través dunha chamada telefónica ou da publicación na páxina web da Deputación de Pontevedra. A seguir, os debuxos gañadores expoñeranse nunha galería na páxina web da institución provincial (www.depo.gal) xunto a outros traballos seleccionados.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.