O Seminario de pensamento contemporáneo nace como un foro de debate para que un grupo de pensadores e especialistas de todo o mundo vinculados a prácticas teóricas asociadas ao que se coñece como infrapolítica, antifilosofía ou poshexemonía teñan un punto de encontro físico do que carecían ata este momento. A idea é debater os temas máis actuais do pensamento teórico e abrirse tamén a especialistas da contorna e para iso elixiron a Universidade de Vigo como lugar de acollida. Este seminario celebra hoxe venres e mañá sábado a súa primeira edición no campus de Vigo coa participación de 55 expertos e expertas e a presentación de nove ponencias que xiran arredor de dous temas centrais: o binomio vida e existencia e o pensamento do Gramsci posthexemónico.
Na posta en marcha deste simposio están implicados Alberto Moreiras, profesor do Department of Hispanic Studies da Texas A&M University, en colaboración cos profesores da Universidade de Vigo Manuel Forcadela, do Departamento de Filoloxía Galega e Latina e Helena Cortés, do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá. No acto inaugural, o reitor da Universidade, Manuel Reigosa, acompañado pola vicerreitora de Comunicación, Mónica Valderrama, confirmou que este evento nace con vocación de continuidade e que terá unha sede permanente para o seminario no edificio Faraday da ETEA. Remarcou a importancia que ten para a Universidade de Vigo acoller este tipo de citas, “porque durante estes tempos de crise, as humanidades en xeral e o pensamento crítico en particular teñen un espazo reducido nas universidades españolas e para nós é importantísimo completar a nosa oferta académica, pequena no eido das humanidades, cun espazo e un tempo para o pensamento”. Pola súa banda Alberto Moreiras, coordinador deste seminario, agradeceu á Universidade de Vigo a “acollida e o entusiasmo por organizar este evento, que esperamos que se confirme como un seminario permanente, creando así un verdadeiro espazo de pensamento”. Explicou que a idea é ampliar o número de asistentes cada verán, debatendo temas importantes do pensamento contemporáneo e atraer especialistas relevantes para expoñelos. “Queremos que haxa nexos de contacto entre o que se discuta un ano e o que pase ao ano seguinte, e que poidamos ir creando unha historia intensa de conversas consistentes sobre temáticas decisivas para o pensamento hoxe”.
Xunto coa Universidade de Vigo, na organización deste seminario están implicadas institucións como University of Michigan, Texas A&M University, University of Notre Dame, Lehigh University, University of British Columbia, Universidad Iberoamericana Ciudad de Mexico e University of Stirling. Ao longo das xornadas de hoxe venres e mañá sábado sucédense as ponencias, relatorios e mesas redondas arredor de dous temas “abertamente polémicos e esperamos que dean lugar a intensas discusións” como son o binomio vida e existencia e o pensamento do Gramsci posthexemónico, relata o profesor da Texas A&M University, Alberto Moreiras.
Dous días para falar da existencia e do pensamento de Gramsci
O seminario pretende desenvolver conversas ao “nivel máis esixente posible sobre cuestións candentes, interesantes, sempre segundo o noso criterio, do que podemos chamar o pensamento teórico do presente en humanidades e ciencias sociais”, relata Moreiras. Neste sentido, explica que a cuestión da vida, na súa acepción xa de por sí limitada de “vida humana”, está no centro de moitas discusións, especialmente a través da noción de “biopolítica”, desenvolvida inicialmente por certos pensadores franceses e despois italianos, na súa maior parte. “Hai tamén un xeito especial e corporativo de estudar biopolítica noutras linguas, ás veces con fins que se chamarían decididamente sinistros. A nosa idea é que é hora de someter a noción de “vida humana” que xestiona a biopolítica á noción de “existencia”, non no sentido fáctico senón dunha noción cuxa raíz está no pensamento chamado existencialista, de Kierkegaard e Heidegger a pensadores contemporáneos como François Jullien e outros. Cremos que hai algo así como un novo existencialismo chamando á porta, polo menos séntese a súa necesidade”.
Sobre o outro tema centra do simposio, o Gramsci post-hegemónico, Moreiras explica que se conecta con “vellas discusións no noso grupo que teñen que ver coa idea de que a teoría da hexemonía, en Antonio Gramsci, pero sobre todo en Ernesto Laclau, debería estar no centro de toda a discusión sobre democracia hoxe en día. Se así fose, a nosa idea, témome, sería trasladala a un lugar menos central, porque non cremos nunha distribución hexemónica do político, creemos máis ben que unha democracia radical consolídase na medida mesma en que poida configurarse posthexemonicamente, sen desculpas”, remarca.
De feito, o seminario arrancou cun primeiro panel sobre existencia e vida, coa participación do propio Alberto Moreiras, que falou sobre a diferencia absoluta, xunto con Gabriela Méndez, do Departamento de Filosofía da Universidade Iberoamericana CDMX que afondou no binomio existencia-extinción e Peter Baker, da Division of Literature and Languages da University of Stirling, cun relatorio sobre Heidegger, técnica e infrapolítica hoxe. A xornada da mañá completouse cun segundo panel sobre literatura e vida e xa pola tarde desenvolverase un panel sobre vida e afectos e un debate. Na xornada do sábado un panel sobre ontoloxía e vida e outro sobre Gramsci e a poshexemonía e, pola tarde, outro sobre a tecnoexistencia.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.