O Sergas fixa a data dos exames da OPE para 254 prazas de médico de familia e 93 pediatras de atención primaria

Neste proceso un total de 1.215 prazas, ao sumarse tamén 772 de técnico en coidados auxiliares de enfermería, 89 de enfermería especialista en obstétrico-xinecolóxica e 7 a odontólogos de atención primaria
Publicado por o día 17/02/2020 na sección de Sanidad

O Sergas fixa a data dos exames da OPE para 254 prazas de médico de familia e 93 pediatras de atención primaria

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o lugar, data e hora de realización dos exercicios da fase de oposición dos procesos selectivos correspondentes á convocatoria do ano 2019 para a cobertura de prazas de médico de familia, odontólogo e pediatra, todas elas de atención primaria. Ademais tamén se convocan as probas para persoal de enfermería especialista en enfermería obstétrico-xinecolóxica e as categorías de técnico en coidados auxiliares de enfermaría (quendas de acceso libre, promoción interna, discapacidade xeral e discapacidade intelectual).

Nesta fin de semana ofértanse un total de 1.215 prazas, das cales 254 a médico de familia de atención primaria, 7 a odontólogo de atención primaria e 93 a pediatra de atención primaria, ademais de 89 na categoría de persoal enfermería especialista en enfermería obstétrico-xinecolóxica e de 772 para técnico en coidados auxiliares de enfermaría.

As probas selectivas realizaranse no recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda (Pontevedra). O sábado 29 de febreiro, en xornada de tarde, examinaranse os aspirantes para a cobertura de 735 prazas de técnico en coidados auxiliares de enfermería correspondentes ás quendas de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral.

Ese mesmo día celebraranse as probas para a cobertura de 37 prazas de técnico en coidados auxiliares de enfermería da quenda de discapacidade intelectual. As prazas desta última quenda que non se cubran acumularanse á quenda de discapacidade xeral e as non cubertas nesta última quenda acumularanse a acceso libre.

O domingo 1 de marzo, en xornada de mañá, examinaranse os/as aspirantes das categorías de médico de familia, odontólogo de atención primaria, pediatra de atención primaria e profesionais de enfermería especialista en enfermería obstétrico-xinecolóxica.

O desenvolvemento deste proceso permitirá a incorporación de persoal fixo en categorías específicas do ámbito da atención primaria, dando así cumprimento ao compromiso recollido no Plan de Atención Primaria 2019-2021.

Na páxina web do Servizo Galego de Saúde recóllese a información das distintas portas de acceso ao recinto e a relación de aspirantes comprendidos en cada unha delas.