Preto de 30 anos de traballo, nos eidos da docencia, a investigación e a transferencia, a prol da mediación e a resolución de conflitos fixeron á catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor Francisca Fariña merecedora da Medalla ao Mérito Profesional que outorgan a Escuela Española de Mediación y Resolución de Conflitos e o seu xornal dixital, o Diario de Mediación. “Sempre resulta moi gratificante que che recoñezan o traballo que realizas, especialmente neste campo”, recoñece esta docente da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e investigadora principal do grupo PS1, tras recibir neste mes de xaneiro unha das distincións que, na terceira edición destes premios, outorgáronse nunha gala en Madrid a 37 especialistas, profesionais e entidades polo seu traballo a prol da mediación, a cultura de paz e a resolución de conflitos.
O seu labor como codirectora do programa Ruptura de pareja, no de familia, como presidenta da Asociación Iberoamericana de Justicia Terapéutica ou como integrante da directiva da Conferencia Universitaria para el Estudio de la Mediación y el Conflicto (Cuemyc), que o pasado mes de xuño celebraba en Pontevedra o seu terceiro congreso internacional, foron algúns dos méritos destacados no acto de entrega destes galardóns, no que Fariña puxo de relevo a necesidade dunha educación baseada na cultura de paz. “Hai que ensinar aos nenos e nenas desde pequenos o que achega a convivencia pacífica e a mediación”, salientou Fariña no acto de entrega deste recoñecemento a súa traxectoria que, recoñece, constitúe xunto co seu nomeamento como Amiga da Asociación Española de Abogados de Familia (Aeafa), unha distinción “especialmente emocionante”. Non en van, engade, “ambos reforzan o labor que ves facendo máis aló da docencia e á investigación”, á vez que supoñen “unha proba máis de que a Universidade fai transferencia do coñecemento non só nos ámbitos técnicos, que a sociedade recoñece a aprecia”. Xunto a Fariña, estas medallas ao mérito profesional foron outorgadas tamén, entre outros, á alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, ao maxistrado da Audiencia Provincial de Barcelona, Pascual Ortuño, a presidenta da Unión de Asociaciones Familiares, Ascensión Iglesias, ou á investigadora da USC Mercedes Novo, á que Fariña dirixiu a súa tese de doutoramento e coa que, lembra, traballa conxuntamente desde hai 25 anos.
Un mecanismo para axudar as persoas
Caracterizada por buscar unha resolución dos conflitos a través do acordo entre as partes, a mediación constitúe para Fariña “un mecanismo para axudar ás persoas a crecer e mellorar en circunstancias en conflito, un proceso que contribúe a pacificar e tamén a sandar, ás persoas e á sociedade”. Nese senso, a docente incide na satisfacción de que este recoñecemento estea vinculado a un ámbito que, por outra banda, atópase de actualidade nestas semanas, xa que neste mes de xaneiro, aprobábase o anteproxecto da lei de impulso da medicación, que se suma a outros feitos como que a Xunta de Galicia, na súa Estratexia de Convivencia Escolar para o período 2015-2020, “aposte tamén claramente pola mediación” ou o que as universidades “conten cada vez máis con unidades de mediación”, sinala Fariña.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.