O traballo da muller na era dixital e a sentencia de La Manada, a debate nos campus de Vigo e Ourense

Están organizadas por profesorado da Facultade de Dereito
Publicado por o día 17/10/2018 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo,Vigo

O traballo da muller na era dixital e a sentencia de La Manada, a debate nos campus de Vigo e Ourense

Os campus de Vigo e Ourense compartirán en vindeiras datas dúas xornadas organizadas por profesorado da Facultade de Dereito nas que se abordarán dúas cuestións de actualidade e/ou controversia tanto xurídica como social, como é o caso do traballo muller na era dixital e a sentencia de La Manada. En ambos casos, as xornadas xorden no marco do desenvolvemento de proxectos de  investigación con financiamento estatal, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e contan coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

Novas formas de emprego para a muller

A primeira das xornadas leva por título Muller e traballo na era dixital e celebrarase o día 18 de outubro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo e o día 19 de outubro na Facultade de Dereito de Ourense. Organizadas por Jaime Cabeza, Marta Fernández, Francisca Fernández Prol e Mª Belén Fernández, da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, a actividade lévase a cabo no marco do proxecto Os dereitos fundamentais ante as transformacións laborais na era dixital.

A xornada, explican desde a organización, pretende proporcionar ao alumnado unha formación complementaria á dispensada no marco da docencia tradicional sobre temáticas de actualidade como “o acceso da muller ás novas formas de emprego xeradas no marco da economía dixital, o emprendemento feminino, as autónomas low cost e falsas autónomas no marco das novas industrias dixitais, a pervivencia do sistema patriarcal no marco da economía dixital, a conciliación da vida familiar e laboral nun contexto de traballo dixitalizado ou mesmo o teletraballo”. Para facelo contará con tres conferencias ofrecidas por expertas da área de Dereito do Traballo e a Seguridade Social das universidades de Santiago de Compostela, Murcia e Carlos III de Madrid.

Diferentes visións para o debate

A segunda das xornadas, titulada Feminismo e teoría do dereito, celebrarase os días 25 de outubro e 15 de novembro tanto na Facultade de Dereito do campus de Ourense como na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo. O 25 de outubro intervirá primeiro en Ourense e logo en Vigo Pablo de Lora, profesor da Universidad Autónoma de Madrid, e o día 15 de novembro Concepción Torres, da Universidad de Alicante.  “Este é o terceiro ano que organizamos as xornadas. O tema este ano vén dado pola polémica suscitada coa sentencia no caso de La Manada. A idea é xerar o debate, non adoutrinar, contando coa intervención de dous profesores que non pensan o mesmo sobre o tema”, comenta Pablo Raúl Bonorino, director da xornada. A actividade enmárcase neste caso no proxectoConflitos de dereitos e produción normativa.