O Trofeo Universidade de Vigo de Orientación trasládase aos areais cangueses de Barra e Nerga

Celebrarase o día 15 deste mes e agárdase a participación de preto de 400 persoas
Publicado por o día 07/06/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O Trofeo Universidade de Vigo de Orientación trasládase aos areais cangueses de Barra e Nerga

En 2008, o Servizo de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo levantou un plano de carreiras de orientación nos areais de Barra e Nerga, situados no Concello de Cangas. Non obstante, non será ata este ano cando o Trofeo Universidade de Vigo de Orientación se poida celebrar por primeira vez neste enclave. A cita será o día 15 deste mes de xuño e a Sección de Orientación da Universidade agarda a participación de arredor de 400 corredores e corredoras.

Esta competición cumpre así a súa maioría de idade, 18 edicións, e celébrase tamén como Trofeo Vila de Cangas dentro da XXVIII Liga Galega de carreiras de orientación, coincidindo coa terceira proba da I Liga Interrexional Galicia-norte de Portugal. José Luis Armada, responsable da sección de Orientación da Universidade, lembra que neste plano xa se teñen celebrado varias competicións da Liga Galega e Campionatos Ibéricos, organizados por diferentes clubs galegos, pero esta é a primeira vez que acolle o Trofeo Universidade de Vigo. Destaca a “riqueza deste plano no concernente as diferentes habilidades que ten que desenvolver o orientador, dende concentración e elección de ruta, ata unha moi boa lectura do plano”.

Entre bosque, prados, viñedos e dunas

Trátase dun percorrido de contrastes, xa que o mapa consta de diversas tipoloxías de terreos, con zonas de piñeiral areoso que se estenden dende a beira do mar por áreas sensiblemente planas e micro releve ata zonas de ladeira con desnivel moderado onde se produce unha transición a bosque atlántico con vexetación rastreira. Nalgunhas zonas de ladeira e costa aparecen formacións rochosas importantes nas que se poden atopar tamén zonas de cultivo e viñas de carreira rápida e áreas abertas de vexetación rastreira que dificulta a carreira.

Na pasada edición a cita universitaria contou coa participación de 320 corredores e corredoras e, para esta ocasión, agardan contar con arredor de 400. Os percorridos, 14 en total, apunta Armada, “porán a proba todas as habilidades das persoas participantes” e destaca os diferentes cambios de dirección, o terreo dunar e areoso e engade que os diferentes cambios de tipoloxía de terreo (bosque, prados, viñedos, dunas) farán precisos cambios continuos de lectura e interpretación do plano “que non deixará a ningún corredor indiferente poñendo todas as capacidades de concentración e lectura a proba”.

A data límite para a inscrición é este domingo 9 de xuño ás 22.00 h e os trámites deberán ser realizados a través da páxina web da Federación Galega de Orientación. Os prezos varían entre os 7€ para as persoas federadas e as que participen na carreira de iniciación curta ou os 9€ para os que escollan iniciación longa.

A entrega de tarxetas comezará ás 09.30 horas e a saída do primeiro participante será ás 10.30 h, para entregar os premios a partir das 14.15 horas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.