O venres 22 de marzo remata o prazo para presentar a documentación para cubrir os 43 postos de traballo que oferta o concello

Publicado por o día 18/03/2019 na sección de Galicia,Ponteareas

O venres 22 de marzo remata o prazo para presentar a documentación para cubrir os 43 postos de traballo que oferta o concello

O Concello de Ponteareas informa, tal e como xa anunciou no pasado mes, que ata o venres día 22 de marzo estará aberto o prazo para presentar na oficiña de emprego a documentación de acceso aos 43 postos de traballo que se ofertan dentro do “Plan Concellos” no que o concello e a Deputación de Pontevedra destinan máis de 600.000 euros á contratación de persoas desempregadas. Os e as interesads deberán trasladar á oficina de emprego local o códido CNA do posto de traballo ao que queren optar. Os contratos serán a xornada completa e cunha duración de entre 7,5 e 10 meses segundo as necesidades dos servizos e os salarios que recibirán os contratados serán iguais aos dos traballadores do Concello.

A través dun proceso de transparencia e igualdade de oportunidades, o INEM realizará unha preselección que facilitará ao concello para que o tribunal formado por empregados públicos realice a entrevista e proba práctica, se procede, ás persoas previamente seleccionadas polo INEM. Na vindeira semana o concello fará pública a data da entrevista e proba práctica. Toda a información relativa ao proceso de contratación está dispoñíbel na web do Concello na pestaña “oferta de emprego público” e fisicamente no taboleiro de anuncios da Casa do Concello, https://ponteareas.gal/oferta-emprego-publico/

O alcalde Xosé Represas estima que a incorporación deste persoal terá lugar nun curto prazo de tempo.

Con estas contratacións reforzaranse numerosos servizos como medioambiente e desbroces, oficina técnica, vías e obras, administración, educación infantil, limpeza, turismo, residencia de maiores, escola infantil e servizos sociais

Na selección terán preferencia as vítimas de violencia de xénero, persoas  maiores de 45 anos, persoas con familiar monoparental con fillos a cargo, persoas con niveis de renda máis baixa e persoas con cargas familiares.

Este é o cuarto exercicio do Plan Concellos que, desde o 2016, permitíu contratar en Ponteareas a 150 persoas desempregadas, destinando para ese fin case 1,5 millóns de euros. O pasado ano por vez primeira o concello puido aportar 100.000 euros e neste ano 2019 a súa achega alcanza os 330.000 euros grazas ao saneamento da economía municipal, o que permite acadar a axuda máxima da Deputación e o máximo de contratos posibeis.

Xosé Represas salientou que “nunca antes se realizara en Ponteareas un plan de emprego destas características que permite a contratación de persoas con especiais dificultades para o acceso a un emprego. Ao millón e medio de euros destinados a crear emprego con este plan hai que engadir o investimento feito nos obradoiros de emprego de carácter formativo ou nas axudas municipais directas á contratación de persoal no sector privado”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.