O XI informe ‘Nós no mundo’ aborda a acción exterior galega na nova normalidade

O secretario xeral de Política Lingüística e o director do IGADI presentaron hoxe o informe anual de acción exterior de Galicia e tamén o XIII anuario de relacións internacionais e política global publicado pola entidade
Publicado por o día 30/07/2020 na sección de Cultura

O XI informe ‘Nós no mundo’ aborda a acción exterior galega na nova normalidade

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Daniel González, presentaron hoxe no Pazo de San Roque o informe anual de acción exterior de Galicia Nós no mundo. A paradiplomacia galega na nova normalidade e mais o Informe anual do IGADI 2019-2020. Da guerra comercial á Covid-19, ambos os dous traballos publicados co apoio da Consellería de Cultura e Turismo.

Valentín García destacou “o importante nivel desta análise que, desde Galicia e en lingua galega, aborda os temas máis actuais da xeopolítica mundial e global con perspectiva propia”.

Acción exterior galega

Nós no mundo é un informe de periodicidade anual impulsado polo IGADI e centrado na acción exterior galega. Na súa edición de 2020, na que á publicación chega á décimo primeira entrega, pon o foco nas temáticas fundamentais neste eido para a vindeira década: o marco político e legal do Goberno galego en acción exterior 2009-2020, o rol da vella e nova diáspora, a radiografía da nosa economía internacional, a aterraxe no sistema institucional galego da Axenda 2030, as relacións de Galicia con China, a lusofonía e o Reino Unido (Post-Brexit), ou o papel da tradución na acción exterior galega.

Chaves da política internacional

Finalmente, Da guerra comercial á COVID19, o Informe anual do IGADI, achega as principais chaves da política internacional do pasado ano 2019 e avanza as perspectivas para o 2020, marcadas contexto da crise planetaria da Covid-19.

Baixo a dirección de Daniel González Palau, director do IGADI, e de Xulio Ríos, o seu presidente de honra, e coa coordinación editorial de Roberto Mansilla Blanco, esta edición do informe conta coa sinatura de apertura do profesor Augusto Zamora e pon o foco en cinco escenarios e outros tantos temas emerxentes na política internacional 2019-2020, agora na nova normalidade.