Monforte de Lemos acollerá do 9 ao 12 de xullo de 2019 o XX Coloquio de Historia da Educación. Identidades, internacionalismo, pacifismo e educación (séculos XIX e XX). Este congreso internacional, coordinado desde a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, está organizado pola Sociedade Española de Historia da Educación, as tres universidades galegas e as universidades de Lisboa, Florencia e Santa Catarina do Sul.
A cita foi presentada este martes en Monforte de Lemos. No acto, Uxío Otero, profesor do campus de Lugo e presidente da Sociedade Española de Historia da Educación, subliñou a importancia destes coloquios e o papel que está a desenvolver a entidade que preside na investigación histórico-educativa. Pola súa banda, Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación ourensá e presidente do comité organizador do coloquio, adiantou, xunto á tamén profesora do centro María Victoria Carrera, as liñas xerais que marcarán o congreso, do que destacou como se agarda “a participación de 200 especialistas, representando a máis de 50 universidades”. Por último, José Tomé, alcalde de Monforte de Lemos, resaltou o que significa para esta localidade a celebración deste evento científico internacional o próximo verán.
Tres eixes temáticos
A Sociedade Española de Historia da Educación, lembrouse na presentación, encargou ás universidades galegas a organización deste XX coloquio, un foro de debate iniciado en 1982 e que xa foi organizado polas universidades galegas na súa sexta edición, no ano 1990. A programación da edición a 2019, explicouse no acto celebrado este martes en Monforte de Lemos, articúlase en tres amplas seccións que corresponden aos tres tópicos fundamentais da cita, como son identidades, internacionalismo e pacifismo. O prazo para presentar propostas está aberto para talleres e simposios ata o 25 de outubro e ata o 25 de novembro para a presentación de comunicacións.
Sobre a relevancia destes tres eixes propostos, desde a organización da cita sinalan como na construción e desenvolvemento histórico dos sistemas educativos interviñeron factores e motivacións culturais, políticas, relixiosas, idiomáticas, económicas, etc. Algúns destes factores, engaden, apuntan á cuestión das identidades por unha banda e por outra ao internacionalismo. Ademais, lembran, na segunda metade do século XX, co convencemento da necesidade de construír sociedades pacíficas, naceu unha crecente rede de institucións e servizos desde onde se veu propiciando a cooperación internacional, o que se traduciu nunha ollada progresivamente transnacional ao desenvolvemento educativo. “As identidades, o internacionalismo e o pacifismo propiciaron diversos e a miúdo contrapostos exercicios, prácticas e experiencias que merece a pena revisar criticamente”, recalcan desde o comité organizador do coloquio sobre a relevancia dos contidos que se abordarán na súa vinte edición.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.