Ofertados obradoiros de poesía en tres puntos da provincia co mar como elemento común

Terán lugar en Baiona, O Grove e Bueu e serán impartidos por Marta Dacosta, Antonio García Teijeiro e Miriam Ferradáns
Publicado por o día 12/10/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Ofertados obradoiros de poesía en tres puntos da provincia co mar como elemento común

‘Poesía e Mar’ é o título xenérico do ciclo de obradoiros que oferta a Deputación, en colaboración coa AELG, e que terán lugar en tres concellos da provincia co obxectivo, segundo explicou esta mañá Xosé Leal, “de estender esta iniciativa polo territorio utilizando o mar como nexo común, para o que escollemos tres concellos correspondentes ás tres rías que temos na provincia”. Así, o primeiro dos obradoiros terá lugar o sábado 20 de outubro na Capitanía Marítima de Baiona e estará impartido por Marta Dacosta; o segundo terá lugar o 27 de outubro no Museo da Salgadeira en O Grove e correrá a cargo de Antonio García Teijeiro; e o terceiro será o 10 de novembro no Estaleiro de Purro de Bueu e será impartido por Miriam Ferradáns. Sobre a elección de espazos, nos que se buscou unha importante carga relacionada co mar, tamén se manifestou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, asegurando que “esperamos que os espazos elixidos inflúan dalgún xeito á hora de activar os procesos creativos que se perseguen nestas sesións e poidan ser utilizados como parte do obradoiro para axudar a sacar o potencial poético das persoas participantes”.

Para participar nestes obradoiros, que son independentes entre si, as persoas interesadas deben inscribirse no enderezo info@aelg.org ou chamar ao teléfono 981 133 233 en horario de mañá. Habilitaranse 25 prazas para cada unha das sesións, e a correspondente a Antonio García Teijeiro está especificamente dirixida a profesorado e persoas interesadas no ensino. Precisamente o poeta e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil participou esta mañá na presentación do ciclo xunto con Miriam Ferradáns, tamén poeta e premios Pérez Parallé e Francisco Añón,.

Antonio García Teijeiro explicou que quixo enfocar o seu obradoiro especialmente a profesorado tras constatar que “os docentes precisan ferramentas para achegar a poesía ás aulas porque aos rapaces e rapazas encántalles a poesía, a quen non lles encanta tanto é aos adultos”. García Teijeiro defendeu que “non se pode pasar toda a etapa escolar de costas a poesía”, polo que a súa sesión estará enfocada dun xeito pedagóxico pero non só para darlle ferramentas ás profesoras e profesores senón tamén para animalos a escribir textos propios xa que, segundo afirmou “eu estou convencido de que todos somos poetas pero que non o sabemos”. O seu obradoiro estará estruturado de forma que as persoas participantes experimenten escribindo textos propios, ao tempo que incluirá lectura de poemas en voz alta “que é algo que se está perdendo ultimamente”, afondará na importancia das mediadoras e dos mediadores  nas aulas, e ofrecerá “ferramentas para saber por onde tirar nun programa amplo ao longo de todo o curso”.  O obradoiro de Antonio García Teijeiro, que leva por título ‘Poemando o mar’, terá horario de 10 a 14 horas, e de 16:30 a 20:30 horas.

Miriam Ferradáns, que titulou a súa sesión ‘De Brea e Mar’, explicou que traballará coas persoas participantes “para provocar unha ruptura co concepto e coa estética que cada quen traia do mar, xogando coa dualidade, e coas distintas visións que as persoas temos do mar segundo sexamos de costa ou de interior”. Como exemplo expuxo que “o mar para a xente de Bueu é un lugar que xera controversia, porque é o lugar que nos dá de comer pero por outra banda case en cada casa falta un pai, ou un irmán, ou un fillo, por causa do mar”. A poeta anunciou que unha parte será teórica e que “aí vou tirar dos grandes e escollín a Manuel Antonio e a Bernardino Graña”.  A segunda parte do obradoiro será práctica e “intentarei que sexa moi dinámica, tirarei daqueles detonantes que nos fan pensar, que nos provocan e que nos axudan a identificar o que queremos dicir sobre o mar”. A sesión de Miriam Ferradáns terá lugar de 10 a 14 horas e de 16:30 a 19:30 horas.

Marta Dacosta –que non puido participar na presentación por cuestións laborais- titulou a súa sesión ‘Palabras varadas’ e solicita que cada persoa participante acuda cun poema seleccionado en lingua galega e no que o mar estea presente. O seu obradoiro ten horario de 10 a 14 horas e de 16:30 a 19:30 horas.

Este ciclo de obradoiros sobre poesía complementa a colaboración que o departamento provincial de Cultura e Lingua ten establecido coa Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega neste Ano da Lingua, e que incluíu sete roteiros literarios que veñen de celebrarse, con grande éxito de participación, entre finais de agosto e comezos de outubro.