Profesionais da dirección, produción ou realización protagonizan as oito conferencias, obradoiros, proxeccións e coloquios que integran o programa da novena edición da Máster Class Audiovisual Galego Augal, que ten por obxecto achegar tanto ao alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación como á cidadanía os procesos de traballo no sector audiovisual. Coordinada polos profesores Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez e patrocinada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a novena edición de Augal arrinca este mesmo martes cunha conferencia do realizador José Luis Viñas. Sete sesións máis, neste mes de novembro e en decembro, achegarán ao campus ao guionista da serie Hierro, Pepe Coira, á presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Ana Míguez, ao produtor Sergio Frade e aos directores Ángel Filgueira, Olga Osorio e David Hernández,
Coincidindo co arranque desta novena edición, a sede da Vicerreitoría do campus acolleu a presentación do programa desta actividade formativa de 30 horas, que mantén aberta a súa inscrición a través do enderezo electrónico axendacsc@gmail.com, e que está aberta a toda a cidadanía. Trátase, como sinalou Pérez, dunha actividade que permite “coñecer como se fai unha obra audiovisual a través dos seus protagonistas, as problemáticas e os intanxibles que hai detrás dunha obra, así como o difícil que é chegar á pantalla”. O vicerreitor do campus, Jorge Soto, destacou nesta presentación como Augal “vén a reforzar moitas das cuestións nas que estamos traballando e nas que cremos como Universidade e como campus”, como o feito de que “desde a cultura, a creatividade e a innovación social podemos facer un campus e unha cidade máis forte”. Soto salientou así mesmo que esta actividade “enche un espazo importante dentro do que é a relación entre os profesionais e os profesores e estudantes”, aspecto no que tamén incidiu o director da Agadic, Jacobo Sutil. Augal, sinalou, permite que o alumnado teña un “contacto directo” cos e coas profesionais, pero tamén permite a estes abordar os seus proxectos “cun público coñecedor do sector”. Preto de 90 profesionais, que presentaron arredor de 70 proxectos, lembrou Sutil, é o balance das oito anteriores edicións de Augal, que celebrará o vindeiro curso a súa décima edición.
Dous obradoiros para comezar
Vicedecano de Comunicación e Promoción de CCSS e da Comunicación, Pérez encargouse de debullar un programa conformado por “unha pequena escolma” de obradoiros e proxeccións. O realizador, creador e xestor de contidos televisivos Pepelu Viñas, un profesional “moi relacionado coa TVG que leva máis de 30 anos producindo contidos e xerando novos formatos” é o encargado de pór inicio a esta novena edición de Augal. En primeiro termo, coa conferencia que impartiu este martes, seguida, mércores e xoves, por un obradoiro con prazas limitadas sobre o desenvolvemento de producións audiovisuais transmedia. Este taller verase continuado, o xoves 21, co obradoiro sobre a realización dun guión,que impartirá Pepe Coira, guionista de Hierro, gañadora este ano do Premio Ondas á mellor serie de ficción.
Longas, curtas e documentais
O 27 de novembro, CCSS e da Comunicación acollerá a proxección de Sevilla e Gomorra, unha longametraxe realizada polo ex-alumno Ángel Filgueira, unha película “moi interior” que, lembrou Pérez, xurdiu da súa estadía en Sevilla cunha bolsa Sicue. Ao día seguinte visitará a facultade a produtora, guionista e directora Olga Osorio, protagonista dunha sesión “na que imos facer un percorrido polas súas obras como directora”, as premiadas curtas Restart, Einstein-Rosen e Mouras. O 4 de decembro, pouco antes da súa estrea en salas, poderase ver La felicidad de los perros, filme que será presentado polo seu director, Ángel Filgueira. O xoves 12 chegará a quenda de Gallo, un documental “que conta a historia dun surfista invidente”, nunha sesión na que participará o produtor Sergio Frade, de Frida Films, que é tamén profesor da facultade.
Xa o 18 de decembro, Augal celebrará a súa clausura poñendo de novo no foco na serie Hierro, neste caso a través da conferencia da directora de produción desta serie de Movistar+ e presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Ana Míguez.
Camiños de futuro para o audiovisual
Na tarde deste martes, Augal botou a andar cunha conferencia que Viñas centrou na figura do “filmaker”, termo co que fai referencia a profesionais cunha “visión integral do produto”, con “capacidade para asumir ou responder ás distintas funcións da cadea de valor audiovisual”. Consultor, creador e xestor de contidos televisivos, Viñas incidiu neste senso en como, nesta “era dixital”, o futuro do audiovisual precisará de profesionais “cun coñecemento global do mercado”, cun “dominio das ferramentas e ventás narrativas contemporáneas” e cunha “formación constante”.
Creador e produtor de máis de 60 programas, Viñas completará esta análise co obradoiro que centrará nas “novas narrativas” audiovisuais” e máis en concreto nos formatos transmedia e branded content. Farao a través dunha serie de exemplos vinculados á TVG e á súa traxectoria profesional, como o formato transmedia Destino Santiago ou o programa Aquelando.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.