Opinión por Xabier P. Igrexas | Despachos e palacetes

O PSOE está a desfacerse de patrimonio municipal para mellor acomodo da Corte de Abel Caballero
Publicado por o día 03/02/2020 na sección de Opinión,[Desde o barrio] por Xabier P. Igrexas

Opinión por Xabier P. Igrexas | Despachos e palacetes

Na última sesión do Pleno municipal, o PSOE deu un paso máis para se desfacer do edificio do antigo reitorado (Casa de Fernando Carreras). A rectificación do inventario municipal era apenas un trámite administrativo para facilitar a operación de venda que ten un destinatario claro: a Zona Franca de Vigo. Como xa sucedera en decembro de 2018, no Pleno que acordaba permitir a súa venda, a decisión volveu contar só cos votos a prol do PSOE.

O antigo reitorado é un edificio singular e catalogado. Así o recoñecía a propia María José Caride, concelleira de Urbanismo, en 2018. Singular, catalogado e tamén emblemático, cumpriría engadir. Trátase dun edificio icónico da arquitectura viguesa e do imaxinario social. Con múltiples usos nos seus 155 anos de historia. Emporiso, cando no ano 2003 volveu a mans do Concello após o traslado do reitorado da Universidade de Vigo, todas as forzas políticas, incluído o PSOE, celebrámolo como un éxito e unha oportunidade para a cidade.

Certo é que desde aquela os seus usos non pasaron de erráticos ou burocráticos. Desde o intento irracional de albergar a sede da alcaldía, en tempos de Corina Porro, até o reducir a unhas instalacións infrautilizadas para servizos municipais e pequenas actividades. De non ser polas conferencias que continuaron a se celebrar no seu auditorio, este valioso edificio en pleno Areal vigués ficaría en estado comatoso.

Palacete para Regades

No entanto, a súa falta de uso non responde á falla de necesidade dun espazo privilexiado coma este. Foi causa da impericia de sucesivos gobernos. E, en grande medida, un síntoma evidente do desleixo co que se xestiona o patrimonio municipal e tamén da falla dun proxecto de cidade que vaia para alén do inmediato.

Son innumerábeis as posibilidades de uso para este inmóbel. Desde destinalo para actividades culturais, valéndose da súa localización e do seu paraninfo, até o dedicar, por apenas deitar un exemplo, a albergar o Centro Metropolitano de Impulso Tecnolóxico que o BNG reclamamos para convertermos Vigo na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións. E de faltar ideas, abondaría con escoitar o tecido asociativo da cidade, famento de espazos públicos nos que poder desenvolver a súa actividade.

Non é que non se precise este espazo o motivo que empurra o Goberno municipal a se desfacer desta peza do patrimonio da cidade. Tampouco a necesidade de recursos económicos, toda vez a inexecución sistemática dos orzamentos municipais xera ano tras ano un importante superávit que se amorea no remanente da tesourería municipal e que, arestora, está por acima dos 50 millóns de euros.

Do que se trata é de converter este nobre edificio no ‘palacete’ do flamante delegado da Zona Franca, o ex concelleiro e habitual acompañante público do alcalde, David Regades. A Zona Franca non precisa o reitorado para máis nada que para facer gañar en visibilidade (social, mediática e política) o seu delegado. E de paso, para ir aproximando o seu despacho ao da alcaldía, se cadra xa matinando no futuro.

Centro Galego de Fotografía

Non é a primeira operación deste tipo. A semana pasada consumouse a renuncia a dotar a Vigo do Centro Galego de Fotografía, que o BNG promoveramos desde a concellaría de Cultura, para converter o edificio rehabilitado a tal fin na rúa Chao na nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. En troca de desenvolver unha dotación museística que permitiría dinamizar e estimular o enorme potencial da nosa cidade no ámbito fotográfico, o PSOE volveu optar por utilizar o patrimonio municipal para mellor acomodo dos seus. Neste caso, cedendo mediante convenio, ese edificio para que a presidenta da Deputación, e tenente de alcalde en Vigo, Carmela Silva, gozase tamén dun amplo e vizoso despacho en pleno Casco Vello.

Poderíamos preguntar que sentido ten que a Deputación –ente que debera desaparecer– alargue a súa presenza institucional na cidade de Vigo. Certamente, para alén, de maior autobombo da súa presidenta en chave local, ningún. No entanto, se de verdade se tratase dunha necesidade operativa e organizativa, difícil de xustificar coñecendo a nula actividade da sede anterior no anexo ao antigo reitorado, o Goberno municipal tería aceptado a proposta que lle fixemos desde o BNG de que a Deputación ocupase as dependencias da antiga casa reitoral, apenas uns poucos metros máis arriba do edificio da rúa Chao e que foran equipadas e renovadas hai poucos anos para albergar a aula UNED nos seus primeiros cursos de existencia en Vigo. Dependencias, a propósito, en desuso desde o traslado da UNED ao Auditorio Mar de Vigo.

Así, a política de despachos e palacetes, deixou polo momento a Vigo sen un Centro Galego de Fotografía e vai camiño de nos deixar sen o antigo reitorado. Os intereses da cidade sacrificados en beneficio da gloria persoal da Corte de Abel Caballero.

Una respuesta para "Opinión por Xabier P. Igrexas | Despachos e palacetes"