Parece que voltan as promesas con forza, esta vez no campo prioritario da saúde.
Uns partidos politicos de Cangas colocaron vizosamente, no día de onte e hoxe, a apremiante necesidade de resolver os moi graves problemas que temos a totalidade dos vicinhos do Morrazo.
O problema é que a cousa non é de hoxe, hai máis de 20 anos que estamos a reivindicar e loitar en todo o Morrazo por dotacións de atención sanitaria dignas para unha povoación que, nesta comarca (contemplada como a unidade histórica que sempre foi), supera os 75.000 habitantes (e no verán por volta de 120.000).
O problema e a singularidade da nosa loita é que 20 anos atrás muitas ducias de miles de persoas e TODOS os partidos e TODOS os concelhos demandamos un Hospital Comarcal que se comtemplaba e prometía en TODOS os programas políticos, que despois de peripecias non escritas, ningunha explicación e outros misterios, foi desbotada por non realista ou así…
Daquela, a solución definitiva, con apoio da Xunta!, era seica un Centro de Alta Resolución (CAR), logo de ser desbotada sen NINGUNHA transparencia a primeira idea do Hospital Comarcal (iniciativa na que este servidor participou activamente).
Pois ben, nos últimos días os de Cangas acordáronse de voltar a situar a cuestión do CAR con forza e ademáis tenhen unha localización “perfeita” (o antigo edificio da conserveira MASSÓ).
Todo ok., todo moi ben, unha solución para os problemas Morrazo desde Cangas, para o que anuncian propostas e convocatorias desde a Alcaldía de Cangas e de colectivos (de Cangas) e consensos das forzas vivas (de Cangas) para constituir unha mesa “mesa de trabalho”, en Cangas.
Tamén falan de convocar a preceptiva reunión do Conselho Municipal de Sanidade (de Cangas)
Logo, eu pergunto, os de Moanha e Bueu non tenhen nada que dicir desde o principio?, e o resto do Morrazo (parte de Vilaboa e no seu caso Marín)?, tamén non?.
Os criterios que os colectivos, partidos e institucións tinhamos no 2003, 2004 e 2005 sobre a área susceptíbel de ser atendida e o servizo que necesitamos xa non valen?.
Poderíamos dunha vez continuar a falar en base a criterios de racionalidade e asentamento povoacional (sen desbotar os criterios e a experiencia daqueles anos) e nunca desde un localismo indisimulado e a imposición centrípeta da que si que protestamos muito cando, e con razón, nos venhen dadas desde a outra beira da Ría?
E, sobre todo podemos falar todos e todas con sentidinho, sensibilidade unitaria, racionalidade de comarca e sobre todo tranquilidade, que non ven de tranca, a pesar que as eleicións estéan aí á volta dun ano?
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.