Os concellos xa poden solicitar as axudas para a promoción do uso do galego convocadas pola Xunta

Os concellos e agrupamentos a partir de 3000 habitantes poden acollerse a elas para crear, reforzar ou manter os seus servizos lingüísticos, así como para programar as súas propias actividades de dinamización lingüística
Publicado por o día 02/04/2018 na sección de Cultura

Os concellos xa poden solicitar as axudas para a promoción do uso do galego convocadas pola Xunta

Os concellos e agrupamentos de concellos que conten con 3000 habitantes ou máis xa poden solicitar, desde mañá ao 2 de maio a través da Sede electrónica da Administración autonómica, as axudas que convoca a Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a promoción do uso da lingua galega.

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde pola que se establecen as bases para a concesión destas subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega e se procede á súa convocatoria. As axudas están destinadas a sufragar os gastos derivados da creación, do reforzamento e do mantemento de unidades técnicas especializadas en lingua galega, así como da programación de actividades específicas coas que dinamizar a lingua propia de Galicia desde o tecido municipal.

En consonancia co Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico que está a desenvolver a Xunta de Galicia, a orde de convocatoria prevista para este ano volve incidir no aumento da presenza do galego no tecido económico empresarial ao sinalalo como ámbito prioritario de actuación, canda os do deporte, a mocidade, as TIC e os servizos sociais.

Trátase dunha convocatoria que se enmarca nas accións de promoción do galego desde o ámbito local que desenvolve a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, entre as que destacan a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), que integra preto de 190 entidades, e os programas e as iniciativas asociados a ela.

Coma en anos anteriores e de acordo cos criterios establecidos polo Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013 no tocante á repartición de subvencións aos concellos, a convocatoria outórgalle un incremento do 30 % na puntuación ás entidades locais que concorran a ela agrupadas con outras e require, en consonancia coas novidades normativas que entraron en vigor coa Lei de procedemento administrativo común das administracións públicas e coa Lei de réxime xurídico do sector público, tramitación electrónica.

O texto completo e mais o seu extracto poden consultarse no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.