Os cursos de verán tamén son para setembro

A matrícula está aberta a todas as persoas interesadas
Publicado por o día 12/09/2018 na sección de Universidade de Vigo

Os cursos de verán tamén son para setembro

Co curso académico 2018/2019 iniciándose, neste mes de setembro serán dous os cursos de extensión universitaria que se celebrarán no marco da programación do campus de Ourense. O primeiro deles, que terá lugar na Facultade de Ciencias da Educación, estará centrado no manexo da voz e a comunicación. O segundo, que se desenvolverá entre Allariz, Cuntis e A Estrada, achegará ás e aos asistentes as potencialidades do turismo de benestar baseado na cultura da produción tradicional do viño, da cervexa e da sidra.

Os cursos forman parte da programación de extensión universitaria de 2017/2018, composta por seis propostas de temáticas diversas abertas a matrícula de todas as persoas interesadas, membros ou non da comunidade universitaria. Con estas actividades preténdese tanto abrir as aulas universitarias á cidadanía como levar a universidade fóra do campus, celebrándose varios dos cursos en diferentes concellos das provincias de Ourense e Pontevedra.

Diferentes escenarios e prezos

A primeira das formacións que se desenvolverá este mes de setembro será o curso Educación da voz e do discurso. Pedagoxía para unha comunicación eficaz, dirixida por Santiago Pato e Tania Cid. Con 50 prazas dispoñibles, esta actividade terá lugar do 17 de setembro ao 5 de outubro e nela as persoas participantes terán a oportunidade de coñecer o aparato fonador, o seu coidado e a súa hixiene funcional e recursos para unha axeitada educación e uso da voz, ademais de mellorar a súa capacidade para facilitar a transmisión da mensaxe oral e a estruturación do discurso, entre outras cuestións. O seu custe oscila entre os 20 e os 30,75 euros segundo o colectivo de pertenza.

A esta proposta seguiralle o curso Turismo de benestar baseado na cultura da produción tradicional do viño, da cervexa e da sidra, dirixido por José Antonio Fraiz e Noelia Araújo. A iniciativa volverá a celebrar unha nova edición achegándose ao Concello de Allariz, ao balneario de Cuntis e á sidraría Lagar de Ribela, na Estrada, do 26 ao 28 de setembro. A temática do curso versa sobre a vinculación do turismo con sectores de produción artesanal en auxe na actualidade. Neste caso, o prezo vai dos 32,50 ata os 50 euros.