O alumnado dos cursos intensivos de verán do Centro de Linguas poderá optar por primeira vez a bolsas cunha contía equivalente ao 75% do importe da matrícula dos estudos, que se impartirán os meses de xuño e xullo deste ano. Ata o 25 de maio poden presentarse as solicitudes a esta nova convocatoria que, segundo a vicerreitora de Estudantes en funcións, Dolores González, ten o obxectivo de “mellorar as competencias lingüísticas do alumnado que participe en programas impartidos total e parcialmente nunha lingua estranxeira, de xeito que a lingua vehicular non sexa un obstáculo para a adquisición do coñecemento, ou, en programas de mobilidade”. Os fondos destinados a esta axuda acadan os 20.000 euros e o pago das bolsas concedidas realizarase unha vez comprobado que as persoas beneficiarias asistiron como mínimo ao 85% das horas do curso no que se matricularon.
En relación con estas axudas, ás que pode concorrer calquera persoa de nacionalidade española ou doutro país da UE, ou de terceiros países que acredite a condición de residente en España, ademais de estar matriculada en calquera das titulacións que se imparten na Universidade de Vigo, Dolores González, sinala que “o plan de internacionalización lingüística da universidade, así como o documento Marco de Política Lingüística da CRUE inclúen, entre as medidas de fomento do plurilingüísmo, subvencionar a formación en linguas ao alumnado”.
A previsión da Vicerreitoría de Estudantes é estender estar bolsas, que non poderá solicitar o alumnado estranxeiro que acceda á Universidade de Vigo a través de calquera programa de mobilidade internacional, aos cursos que o Centro de Linguas imparte durante todo o ano.
Oito linguas para o verán
A oferta do Centro de Linguas para este verán abrangue cursos intensivos de diferentes niveis en oito linguas. Un ano máis o inglés é o idioma que máis opcións oferta ao alumnado con cursos nos campus de Pontevedra e Vigo, nos niveis A2, B1 e B2, ademais da preparación do First Certificate in English. Pola súa banda, os cursos de español corresponderán aos niveis A2, B1 e B2, o portugués a A2 e B1, mentres que o alemán, francés e italiano impartiranse en nivel A1. No caso dos cursos de lingua e cultura chinesa e lingua de signos española o nivel é inicial.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.