Os desafíos do sector de produtos do mar centrarán a conferencia final do proxecto Primefish, que organiza a Fundación Cetmar en Vigo

Responsables políticos, empresarios, investigadores, expertos e axentes do sector reuniranse na sede de Afundación o vindeiro 30 de xaneiro
Publicado por o día 10/12/2018 na sección de Galicia,Mar,Vigo

Os desafíos do sector de produtos do mar centrarán a conferencia final do proxecto Primefish, que organiza a Fundación Cetmar en Vigo

O Centro Tecnolóxico do Mar organiza a conferencia final do proxecto europeo PrimeFish, un evento internacional que xirará arredor dos desafíos do mercado de produtos do mar e que reunirá na sede Afundación en Vigo o vindeiro 30 de xaneiro a representantes de todas as partes interesadas deste sector.

Con financiamento do programa europeo Horizonte 2020, a Fundación CETMAR e os seus socios en PrimeFish veñen traballando os últimos catro anos da man de responsables políticos e da industria, analizando a cadea de valor dos produtos do mar en máis de dez países e desenvolvendo estudos sobre o comportamento dos consumidores en España, Francia, Italia, Alemaña e Reino Unido.

Ademais de dar conta dos resultados deses análises e estudos, a conferencia final servirá como plataforma de lanzamento do prototipo de software orientado ao mercado especializado de productos do mar, baseado en big data e innovación.

Esta ferramenta servirá de apoio ás empresas na súa toma de decisións sobre cuestións como o lanzamento de novos produtos. Para iso, ofrecerá información adaptada aos usuarios para definir o perfil ideal de consumidor ou determinar canto estarían dispostos a pagar polos seus produtos, así como indicadores sobre competitividade, análises da cadea de valor ou tendencias de prezos.

Ademais da intervención dos expertos das diferentes institucións que traballaron en PrimeFish, a conferencia final inclúe unha mesa redonda coa participación dos directores executivos de empresas como Nueva Pescanova ou Icelandic Ibérica, na que se debaterá sobre os desafíos do sector dos produtos do mar.

A inscrición para participar na conferencia está xa aberta a través da páxina web do proxecto, onde figura toda a información relativa a este evento internacional, no que se falará da competitividade deste sector e os seus retos futuros.