Os Martes Saudables achegan consellos para unha boa alimentación

A actividade volverá ao campus de Vigo o 17 de abril coa visita á EE Industrial
Publicado por o día 14/03/2018 na sección de Universidade de Vigo

Os Martes Saudables achegan consellos para unha boa alimentación

Co avance do segundo cuadrimestre, os postos dos Martes Saudablescontinúan percorrendo os tres campus universitarios con diferentes stands nos que se proporciona información para ter unha boa saúde. Esta semana foi a quenda da Facultade de Filoloxía e Tradución, onde as cinco profesionais encargadas da actividade asesoraron ás persoas que se animaron a achegarse, xa fose para documentarse sobre aspectos de nutrición, deporte e sexualidade ou para realizar algunhas das probas médicas de balde que se ofrecen. A iniciativa, coordinada pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade, está centrada este ano nos consellos para unha correcta nutrición.

“Aínda que sempre intentamos abranguer todos os campos relacionados cunha boa saúde, cada ano intentamos centrarnos nun área específica”, destaca Guillermo Santos, coordinador dos Martes Saudables. Neste senso, o responsable da actividade xustifica esta decisión “porque a información sobre unha correcta nutrición é, xunto coa sexualidade, a máis demandada polo público, polo que consideramos axeitado destacar isto”, sinala. Deste xeito, durante a mañá de hoxe as persoas que se achegaron ao stand de Filoloxía e Tradución recibiron algúns consellos relacionados cunha boa alimentación, aprenderon os pasos a seguir para realizar calquera actividade deportiva e coñeceron as enfermidades de transmisión sexual máis frecuentes, así como os métodos anticonceptivos máis axeitados para evitalas. Todo isto co continuo asesoramento das cinco profesionais que atenderon o posto –dúas enfermeiras, unha mestra de Educación Física e dúas especialistas en nutrición e sexualidade-, as cales tamén se encargaron de realizar probas médicas de balde a quen estivese interesado.

As probas médicas, as máis demandadas

Ademais de consello relacionados coa saúde e a sexualidade, “facemos, mediante unha máquina de bioimperancia, probas de cálculo do índice de masa corporal e da hidratación, comprobamos a tensión arterial, revisamos o nivel do colesterol e dos triglicéridos…”, sinala Ramos, quen se amosa satisfeito polo éxito destas probas nos Martes Saudables. “Todo isto podémolo facer sen a necesidade de ir a unha consulta médica, o que fai que os participantes volvan cada ano para comparar a súa evolución respecto ao ano anterior”, afirma.

“Creo que esta iniciativa é moi necesaria, pois as probas médicas e os consellos permiten concienciar á comunidade universitaria da importancia de ter unha boa saúde”, destaca Laura Ruiz, unha das cinco profesionais que este ano están a percorrer os tres campus co posto de Martes Saudables. Ruiz é titulada en Educación Social e encargada da información sobre sexualidade e drogas que se proporciona no stand, un campo moi demandado polos participantes. “Sobre todo véxoos moi interesados no que atinxe aos métodos anticonceptivos, pois existen moitos que nin sequera coñecen e que poden resultar moi eficaces”, sinala.

Derradeiras citas

Despois desta xornada en Filoloxía e Tradución, as dúas últimas citas dos Martes Saudables terán lugar o 3 de abril na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, no campus de Pontevedra, e o 17 de abril na Escola de Enxeñería Industrial, de novo no campus de Vigo. As dúas sesións serán en horario de mañá, de 10.30 h. a 14.30 h.