Os obradoiros do segundo cuadrimestre renóvanse incorporando apicultura, cultura xaponesa, rock ou enxertos de árbores

A oferta inclúe tamén teatro, música, agricultura ecolóxica ou lingua de signos
Publicado por o día 03/02/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Os obradoiros do segundo cuadrimestre renóvanse incorporando apicultura, cultura xaponesa, rock ou enxertos de árbores

programa de obradoiros do segundo cuadrimestre chega cargado de natureza, música e moitas novidades. En total, ao longo dos próximos meses desenvolveranse doce cursos, cinco dos cales se impartirán por primeira vez e xirarán arredor de temáticas como a apicultura, a  cultura xaponesa, enxertos de árbores, o mundo maker e as oportunidades de ocio inclusivo. A oferta complétase con algúns dos obradoiros clásicos de Extensión Universitaria, como o de teatro, a aula de música tradicional, a horta ecolóxica, cosmética natural e a lingua e cultura xorda, aos que se suman os de ukelele e o de poética do rock, que se estrearon, con moi boa acollida, no primeiro cuadrimestre. O prazo de matrícula para todos eles está aberto ata o 12 deste mes.

Apicultura, enxertos, cosmética natural, horta ecolóxica… un cuadrimestre moi natural

O obradoiro de apicultura é unha das principais novidades deste cuadrimestre. Terá un mes de duración, entre o 4 de abril ao 5 de maio, e constará de parte teórica e práctica, na que se empregará o material utilizado en apicultura, de xeito que unha vez rematado o obradoiro, todo alumno sexa quen de atender unha alvariza, dende o coidado das colmeas ata a obtención de produtos como mel, pole, cera, xelea real, própoles ou hidromel.

Outra proposta moi natural xira arredor dos enxertos de árbores froiteiras, ornamentais e hortalizas, que se desenvolverá do 22 de febreiro ao 14 de marzo. Constará de parte teórica e práctica, co obxectivo de que todas as persoas participantes aprendan a enxertar calquera variedade empregando as ferramentas máis axeitadas, realicen calquera tipo de acodo aéreo e terrestre e fabriquen insecticidas ecolóxicos. Entre outros temas, abordaranse os patróns compatibles con cada variedade ou a influencia das fases da lúa, tanto para enxertar coma para recoller pugas.

Un dos cursos que se vén repetindo nos últimos anos e con moi boa resposta por parte da comunidade universitaria é o de cosmética natural. Desta volta, celebrarase do 19 de febreiro ao 6 de maio, con 30 horas de duración. Neste obradoiro aproveitarase a contorna do campus para aprender a identificar e aproveitar as plantas para facer produtos de cosmética natural, como macerados ou oleatos, tinturas medicinais, xabón e produtos de limpeza do fogar, pasta de dentes, cremar hidratantes, etc.

Tamén repite o obradoiro práctico de horta ecolóxica, que arrancará o 2 de marzo e se estenderá ata mediados do mes de xullo. O obxectivo é que as e os asistentes poidan aprender a deseñar e xestionar un espazo para a creación dunha horta ecolóxica, coñecer os métodos e mecanismos utilizados na agricultura ecolóxica e aprender a planificar os cultivos ao longo do ano.

Xapón dende a distancia

O obradoiro sobre o Xapón é tamén novo dentro da oferta de Extensión Universitaria e tratará de achegar ás e aos participantes a cultura, tradición, escritura e gastronomía xaponesa, así como as oportunidades de traballo no país asiático. Poderán obter coñecementos básicos do idioma e as formas de escritura (hiragana, katakana, kanji), as claves da historia da cultura audiovisual xaponesa (manga, anime, videoxogos…), algunhas receitas de cociña e tamén as principais barreiras á hora de adaptarse ás cultura xaponesa. O curso terá unha duración de 30 horas e desenvolverase entre o 2 de marzo e o 20 de abril.

Tamén é novo na oferta o obradoiro de iniciación ao mundo maker, que se desenvolve do 20 de febreiro ao 5 de marzo orientado a persoas cun coñecemento moi básico de deseño, fabricación aditiva e programación de microcontroladores. Trátase de que poidan coñecer a traxectoria do movemento maker, as diferentes contornas de desenvolvemento para a programación de microcontroladores e os fundamentos da programación de microcontroladores en distintas linguaxes.

A última novidade deste cuadrimestre é un curso para xerar oportunidades de ocio inclusivo que terá lugar a segunda quincena de marzo. A finalidade é formar á comunidade universitaria en valores sociais, de convivencia, igualdade, e civismo e sobre os aspectos referentes á diversidade funcional, capacitándoos para xerar oportunidades de inclusión. Trátase de que adquiran ferramentas para intervención e a mellora da autonomía das persoas con diversidade funcional e para a intervención educativa a través do ocio e o tempo de lecer.

Tamén ten unha perspectiva social o obradoiro sobre lingua e cultura da comunidade xorda, que se impartirá do 18 de febreiro ao 21 de abril na Facultade de Filoloxía e Tradución. O obxectivo é que as e os participantes poidan coñecer a lingua visoxestual e reflexionen sobre algunhas das crenzas erróneas sobre as linguas de signos e a comunidade e cultura xorda ao tempo que adquiren un nivel comunicativo básico da lingua de signos española (LSE) e coñecen o contexto social, lingüístico, cultural e educativo no que se desenvolven as persoas xordas.

Música e teatro consolídanse na programación

A música é outro dos eixos fundamentais da oferta cultural da Universidade de Vigo no segundo cuadrimestre. Por unha banda repite, tras o éxito do primeiro cuadrimestre, o obradoiro básico de ukelele entre o 21 de febreiro ao 15 de maio. Aínda que non se requiren coñecementos previos, é imprescindible que as e os participantes teñan cadanseu instrumento. Nas sesións aprenderán afinación e mecánica, linguaxe musical, cifrado de acordes, técnicas de acompañamento, tonalidades e escalas ou harmonía e composición.

Outra alternativa é a aula de música tradicional do campus, que comprende tanto canto como percusión, gaita e baile tradicional galego. O obradoiro, unha continuación do primeiro cuadrimestre, terá lugar do 17 de febreiro ata finais de abril e, dunha forma amena e práctica, permitirá ás persoas asistentes coñecer a base de cada un dos fundamentos de cada instrumento, as cancións en cada un dos ritmos básicos en cada instrumento e a parte técnica e cada unha das seccións, así como os puntos e bailes típicos de cada provincia de Galicia.

O obradoiro sobre poética do rock xurde tamén como continuación dun do primeiro cuadrimestre sobre ideoloxía na música do século XX. Desta volta, do 23 e abril ata o 4 de xuño, as e os matriculados coñecerán as principais figuras da música folk, rock e pop dos séculos XX e XXI con produción poética co fin de diluír a fronteira entre os dous xéneros.

Completa a oferta o tradicional obradoiro de teatro, aberto tan só ás persoas que xa estiveron matriculadas no primeiro cuadrimestre. Entre febreiro e maio prepararán unha montaxe que se representará na Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu.

Información e matrícula