Para axudar a cumprir os bos propósitos de ano novo… a oferta deportiva do campus

A programación deste cuadrimestre fai fincapé na celebración de eventos solidarios
Publicado por o día 13/01/2019 na sección de Universidade de Vigo,Galicia,Ourense

Para axudar a cumprir os bos propósitos de ano novo… a oferta deportiva do campus

Entre os bos propósitos de ano novo de calquera persoa adulta non falta case nunca facer algo ou máis actividade física. Para axudar a facer realidade ese desexo, a Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense xa ten aberto o prazo de inscrición nas súas actividades. A programación, subliñan os seus responsables, “inclúe actividades para todos os gustos e posibilidades e un abano de horarios e instalacións moi amplo”, polo que animan a alumnado, persoal de administración e servizos e persoal docente e investigador a incluír o deporte entre os seus retos para 2019.

“Entre as novidades deste cuadrimestre destacamos o feito de que vamos a ligar a actividade deportiva coa solidariedade. Coa colaboración de varias entidades vamos a celebrar ao longo dos vindeiros meses diversas actividades con fins solidarios”, comenta Rodrigo Alberte Pivida, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte no campus de Ourense. Lembrando como por exemplo o cuadrimestre pasado rematou cunha master class de zumba na que se recadaron alimentos e xoguetes para a campaña solidaria de Nadal organizada no campus, Alberte Pivida adianta como está previsto a realización de accións, cada unha cun formato específico, nas que se mesturará deporte e solidariedade co gallo de conmemoracións como o Día Mundial contra o Cancro, o Día Internacional da Muller, o Día Mundial da Saúde, o Día Mundial da Nutrición e o Día Mundial do Donante de Sangue.

Desde bádminton a zumba

Dentro do campus, ademais da programación que se desenvolve na piscina universitaria AQA-Ourense, os membros da comunidade universitaria teñen á súa disposición instalacións, como a sala de musculación, e actividades dirixidas, como as ofrecidas no pavillón de deportes. Esta programación propia dá continuidade á celebrada no primeiro cuadrimestre e inclúe actividades de circuit fitciclo indoor, ioga, artes marciais mixtas, zumba e total body. Tamén no campus volverá a repetirse a programación especialmente deseñada pensando nas necesidades das mulleres posta en marcha o curso pasado e que inclúe ioga, defensa persoal e benestar integral.

No que respecta ás escolas deportivas, aberto xa o prazo de inscrición para a renovación ou matrícula por primeira vez, traballarase na consolidación das catro novidades presentadas no primeiro cuadrimestre, como son escalada, marcha nórdica, roller derby e waterpolo, e porase en marcha unha escola deportiva de bádminton, froito da colaboración do Club Athlos de Ourense e a Federación Galega de Bádminton. Tamén se manteñen as escolas deportivas, vinculadas en moitos casos a equipos do campus de Ourense, como son as de fútbol gaélico, rugby, voleibol, xadrez, atletismo, tenis e tenis infantil. Esta oferta complétase coa que se ofrece aos membros da comunidade universitaria nas entidades colaboradoras, que este curso son Sabrosura, Marbel, Dinamic, Gimnasio 2000, Saraiba, Padel Prix, Camino Pilates, Bregma, AQA e instalacións do Concello de Ourense. Nelas, os membros da comunidade universitaria poden realizar con desconto toda clase de actividades, como pilates, ioga, bailes latinos e de salón, hip-hop, defensa persoal, zumba, aerobic e un longo etcétera de opcións.

Para as e os amantes das andainas, o día 12 de xaneiro retómase a programación das rutas culturais que unha vez máis volverán a percorrer ao longo dos meses diferentes puntos da xeografía galega e da contorna próxima. Entre as citas pendentes dos roteiros deste curso están dúas viaxes a Portugal, un ciclo de montaña con varias propostas e unha fin de semana en Allariz, ademais da conmemoración especial que se fará dos 20 anos das rutas culturais da Universidade de Vigo. Por último, as persoas ás que lles gusta a práctica do deporte en grupo poden apuntarse a algún do amplo abano de equipos do campus e os Martes Saudables volverán a percorrer cos seus postos os tres campus da Universidade de Vigo para fomentar a saúde integral.

Crear o hábito

Fronte a toda esta oferta, Rodrigo Alberte Pivida destaca como “o importante é crear hábito, ir pouco a pouco introducindo a actividade física na axenda semanal”. Para facelo, recalca, a comunidade universitaria do campus de Ourense “ten a vantaxe de contar cunha Área de Benestar, Saúde e Deporte cun persoal excepcional que está a disposición das e dos usuarios e que supón un engadido de calidade”. Como mostra deste bo facer, o responsable lembra como recentemente os roteiros culturais e os Martes Saudables, iniciativas desenvolvidas desde o campus de Ourense, foron incluídas  nunha guía europea de boas prácticas para a vida activa.