Permanece aberto ata o venres 8 de Febreiro o prazo para solicitar un posto de venda na carpa da 51ª Feira do Cocido de Lalín

A adxudicación das prazas realizarase a través dun sistema administrativo totalmente xusto e transparente consistente na posta en marcha dunha poxa libre na que se interpón unha cota mínima por cada posto interior de 63,50 euros
Publicado por o día 06/02/2019 na sección de Galicia,Lalín

Permanece aberto ata o venres 8 de Febreiro o prazo para solicitar un posto de venda na carpa da 51ª Feira do Cocido de Lalín

O concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, lembra que O Concello de Lalín mantén aberto o prazo para solicitar un posto comercial dentro da carpa Mahou da 51ª Feira do Cocido. A data límite para presentar solicitudes será  o vindeiro venres, día 8 de xaneiro. A adxudicación das prazas realizarase a través dun sistema administrativo totalmente xusto e transparente consistente na posta en marcha dunha poxa libre na que se interpón unha cota mínima por cada posto interior de 63,50 euros, prezo que se pode mellorar á alza nas solicitudes presentadas. Os espazos serán asignados ás ofertas máis vantaxosas. O prazo tamén permanece aberto para a solicitude de postos exteriores (bares e similares, venda de churros, postos de polbo, food-trucks etc.). As bases, así como o modelo de solicitude pódense consultar e descargar a través da pestana de perfil do contratante da páxina web municipal www.lalin.gal.

A carpa patrocinada por Mahou que se vai instalar no campo da feira vello para acoller o mercado da Feira do Cocido, conservará a ampliación aplicada o ano pasado para dar cabida ao un maior número de expositores. Así, a carpa totalmente transparente e estética de tipo iglú, medirá 85 metros lineais de longo, cunha anchura de 20 metros. Isto permitirá acoller ata un total de 47, fronte aos 39 que tiñan cabida nas edicións 2016 e2017. Con esta iniciativa o Goberno reafirma a súa aposta pola celebración dun mercado de produtos alimentarios da máxima calidade dentro das actividades principais da Feira, que celebra o seu día grande o 24 de febreiro, dándolle a oportunidade aos produtores de contar cun espazo inmellorable para a exposición e venda das súas mercadorías. Ademais, a carpa Mahou permitirá, como cada ano desde a súa posta en marcha, desenvolver unha gran cantidade de actividades lúdicas e culturais  no marco da Feira do Cocido, como o Cocido Miúdo, cunha gran presenza de público e independentemente das posibles adversas circunstancias meteorolóxicas.