Piden á Xunta unha Lei específica para defender aos cabalos na provincia

O último caso en Domaio evidencia a pervivencia dunha práctica cruel que non foi avaliada debidamente
Por o 18/03/2019 | Sección: Medio Ambiente
Piden á Xunta unha Lei específica para defender aos cabalos na provincia
A necesidade dunha Lei de Protección Equina parecería darse por descontada á luz dos continuos casos de cabalos con cepos nas súas patas que a Policía Local de Moaña e colectivos como a Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber, a través da súa web www.senpexas.info reciben cada pouco tempo localizados nos montes de Domaio, pero tamén no resto da provincia de Pontevedra.
 
Só a liña de denuncias anónimas dos animalistas rexistrou 161 indicios desde 2011, que se corresponden con máis de trescentos équidos con toda clase de artefactos atados ás súas patas, desde as coñecidas popularmente como ” pexas” ou “trancas” ata cadeas e cordas camufladas con anacos de mangueira, que empregan algúns gandeiros para dificultar os avistamentos e as posteriores intervencións de liberación.
 
O último caso rexistrado a pasada semana, onde axentes da Policía de Moaña documentaron a unha manda onde parte dos animais estaban parcialmente inmobilizados, foi aplaudido polos colectivos animalistas, que reclaman unha norma propia pero tamén a cooperación activa da Xunta fronte a estes casos de malos tratos continuados.
 
A colocación de pexas pode supoñer para o gandeiro a comisión dun delito de malos tratos animais, penado con ata 2 anos de prisión e a inhabilitación por un máximo de 36 meses para a tenencia, exercicio de profesión ou comercio de animais. Esta responsabilidade podería ver sumada a comisión dun delito contra a seguridade viaria se o animal causase un accidente ou fóra detectado sobre a calzada.
 
Neste sentido a proposta de FFW e LIBERA! expón sancións similares á da actual Lei de Benestar Animal, onde os équidos están excluídos, pero que expón por malos tratos a outras especies ata 10 anos de inhabilitacións e sancións de ata 30.000 euros nos casos máis graves.

Comentar noticia

Your email address will not be published.