O Plan de aproveitamento da anguía na desembocadura do Ulla fixa un tope de captura de case 5.200 quilos para a tempada de 2018

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución pola que se aproba o plan de aproveitamento para un total de 18 embarcacións e un máximo de 37 tripulantes
Publicado por o día 29/01/2018 na sección de Medio Ambiente

O Plan de aproveitamento da anguía na desembocadura do Ulla fixa un tope de captura de case 5.200 quilos para a tempada de 2018

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se aproba o Plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Ulla para o ano 2018, que marca o período de pesca desta especie e mantén as principais características do plan inicial aprobado en febreiro de 2012 e renovado nos catro exercicios seguintes. Cómpre lembrar que, na actualidade, a captura da anguía só se autoriza no marco dos aproveitamentos profesionais de carácter tradicional.

Ao igual que na tempada anterior, poderá practicarse esta pesca nas seguintes zonas da desembocadura do río Ulla:

– Zona A (ou alta): tramo do río comprendido entre a ponte de Catoira, como límite superior e a liña recta imaxinaria que une Punta Palleiro con Punta Grandoiro.
– Zona B (ou media): tramo de río Ulla comprendido entre a liña recta imaxinaria que une Punta Palleiro con Punta Grandoiro, como límite superior e, como límite inferior, a liña imaxinaria que une Praia Longa con Punta Seveira.

– Zona C (ou baixa): tramo do río Ulla comprendido entre a liña imaxinaria que une Praia Longa con Punta Seveira, como límite superior e, como límite inferior, a liña imaxinaria que une Punta Seveira con Punta Rebordexo e a súa continuación, bordeando a illa de Cortegada, ata o faro do dique de Carril, excluída a illa de Cortegada, como límite inferior.

A resolución establece que o período de pesca esténdese desde o 1 de febreiro ata o 31 de outubro nas zonas A, B e C.

A zona denominada O Cebal permanecerá vedada para todo tipo de capturas con nasa voitirón, desde o 15 de xullo ao 15 de setembro, ámbolos dous incluídos. Os límites son a liña imaxinaria que une o lugar de Bamio (San Xinés ou Rampla do cemiterio) con Punta Corveiro na illa de Cortegada; a liña de costa da illa de Cortegada que une Punta Corveiro con Punta do Vao, e a liña imaxinaria que une Punta do Vao coa zona superior dos viveiros de Carril.

A arte de pesca autorizada é a da nasa tipo voitirón, as cales deberán ser revisadas e levantadas diariamente. Ademais as labores de pesca suspenderanse desde as 12.00 horas dos sábados ata as 12.00 horas dos luns, e con carácter xeral e actividade poderase realizar entre 20 e 23 días ao mes, cun máximo de 197 días por tempada.

Características das capturas

A renovación estipula que a cota de captura por temporada se sitúa nun máximo de 5.176 quilos para o total das 18 embarcacións e un máximo de 37 tripulantes, sendo a dimensión mínima das anguías capturadas de 20 centímetros. Tamén se sinala que calquera outra especie que entre nas nasas deberá devolverse ao río. Outra das condicións que estipula o plan é que só se autoriza a captura da anguía na fase do seu ciclo vital denominada anguía amarela.

A comercialización levarase a cabo nas lonxas de Carril e Rianxo, tendo a obriga de entregar a totalidade das capturas e, cada mes, remitirase ao Servizo de Conservación da Natureza -xunto cos partes de capturas- o xustificantes de venda en lonxa. Tamén cada mes as confrarías remitirán ao servizo provincial de Conservación unha declaración das capturas totais, especificando o total mensual de cada embarcación, así como o número total de días traballados no mes por cada unha delas.