A Xunta apoia con 10,3 millóns de euros accións silvícolas en case 5.600 hectáreas de monte para a prevención de lumes de cara ao ano que vén

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se fan públicas estas achegas, cofinanciadas polo Feader
Publicado por o día 23/09/2019 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

A Xunta apoia con 10,3 millóns de euros accións silvícolas en case 5.600 hectáreas de monte para a prevención de lumes de cara ao ano que vén

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha resolución da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural pola que se fan públicas as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais. En total foron 424 os beneficiarios destas achegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e que intervirán en case 5.600 hectáreas cun importe global de axuda que supera os 10,3 millóns de euros.

Os beneficiarios destas axudas son marioritariamente comunidades de montes veciñais en man común (346), seguido de propietarios particulares de forma individual (64) e das Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) ou outro tipo de sociedades e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta (14).

Esta orde contempla dúas liñas de actuación. A primeira apoia a realización de tratamentos silvícolas preventivos de incendios forestais, tales como rareos, rozas e podas en masas estables de coníferas. Para este tipo de traballos aprobáronse 309 expedientes por valor de 7,5 millóns de euros, o que permitirá actuar sobre máis de 4.200 hectáreas.

A segunda liña de actuación está dedicada a tratamentos silvícolas e plantacións puntuais de determinadas árbores, directamente vinculados ao incremento dos valores ecolóxicos dos montes. Trátase de masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras. Tamén se subvenciona mediante esta liña a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros. Neste caso, contabilízanse 115 beneficiarios que recibirán 2,8 millóns de euros para accións en 1.392 hectáreas.

Por provincias, a maior parte dos expedientes de axuda (ata 144) corresponden á de Ourense. A continuación sitúase Pontevedra con 118 beneficiarios, Lugo con 114 e finalmente a provincia da Coruña con 48 solicitudes de axuda aprobadas.

Deste xeito, a Xunta de Galicia apoia accións de prevención contra os lumes forestais de cara ao ano que vén. No que se refire ao presente exercicio xa están executadas e pagadas accións por valor de 6,6 millóns de euros, correspondentes á convocatoria de 2018 e que chegou a un total de 392 solicitantes.