Poio xa conta cun punto limpo móbil

Publicado por o día 13/01/2020 na sección de Galicia

Poio xa conta cun punto limpo móbil

O Concello de Poio estreará esta vindeira semana un novo servicio de Punto Limpo encamiñado a que toda a veciñanza teña a posibilidade de desfacerse, respectando o medio ambiente, daqueles residuos que requiran dun tratamento diferenciado.

Poio contará cun Punto Limpo Móbil, unha novidade en non moitos concellos tal e como comentaban en rolda de prensa as responsables das áreas de Obras e Servizos e de Participación Veciñal, Chelo Besada e Silvia Díaz, xunto co alcalde Luciano Sobral, acompañados por Luis Guede (Valoriza) e o enxeñeiro municipal.

Este sistema de punto limpo móbil será temporal, e estará en funcionamento ata que se instale o punto limpo fixo de maneira definitiva. O servizo porase en funcionamento este vindeiro martes 14 de xaneiro na contorna do Parque da Memoria e estará operativo entre as 10.00 e as 14.00 horas.

Poio contará cun emprazamento no que os veciños e veciñas poidan reciclar residuos como mobles e madeiras, chatarra e metais, aparellos eléctricos, cartón papel, vidro e plásticos (que non sexan envases), roupa e calzado, lámpadas e fluorescentes, baterías e pilas, cartuchos de impresoras e restos vexetais de xeito temporal, e ata a existencia dun Punto Limpo Fixo.

O Punto Limpo Móbil contará con persoal que dará asesoramento sobre o xeito correcto de depositar os residuos, requerirá do DNI para o uso da instalación, e non estará permitida a utilización do Punto Limpo Móbil a empresas que pretendan depositar residuos procedentes das súas actividades.

Os residuos voluminosos e os enseres de gran tamaño seguirán recolléndose baixo demanda, a domicilio e de xeito gratuito previa cita no tlf. 986 771 185.