Pontevedra suma nove anos consecutivos sen accidentes mortais e, durante o 2020, mantense a tendencia á baixa na redución dos accidentes graves. Estas son as principais conclusións que se extraen dos datos de sinistralidade viaria que manexa a Concellaría de Protección Cidadá, referidos ao pasado exercicio.
A concelleira responsable desta área, Eva Vilaverde explica que, aínda tendo en conta “as circunstancias especiais” do pasado exercicio, a tendencia á baixa continúa no camiño dos últimos anos. Vilaverde fai fincapé en que os datos do 2020 “son claros e obxectivos e que falan de cifras xa de resistencia”. Así, segundo os datos que manexa a Policía Local, durante o pasado ano Pontevedra rexistrou 351 sinistros nos que se contabilizaron 81 feridos: 77 leves e 4 graves (con asistencia hospitalaria de máis de 24 horas). No relativo aos feridos graves, 3 conducían o vehículo sinistrado e 1 era un peón.
Vilaverde insistiu en que esta tendencia “xa vén de atrás” e que reponde a que “Pontevedra é unha cidade segura e iso é polo que vimos traballando nos últimos anos e o que seguimos facendo tanto coas intervencións no espazo público, como na mobilidade, ou no propio traballo policial”. Neste sentido, aseurou que “está claro que Pontevedra encontrou o camiño xa hai anos e por el debemos seguir camiñando porque está dando resultados importantes”.
Comparativamente co ano 2019, os sinistros reducíronse un 31,71%, pasando de 514 a 351; os feridos leves reducíronse nun 34,7%, pasando de 118 a 77; e os feridos graves reducíronse nun 81%, pasando de 21 a 4.
En canto ao número de atropelos, rexistráronse un total de 18 contabilizándose 17 feridos leves e 1 ferido grave. No relativo ao tipo de vehículo implicado, 12 foron turismos, 2 furgonetas, 2 motocicletas, e 1 bicicleta.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.