Povisa participa na campaña Euromelanoma 2019

Realizará exames de pel gratuítos aos pacientes que se inscriban previamente a través da web da Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía
Publicado por o día 25/06/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Povisa participa na campaña Euromelanoma 2019
Para concienciar sobre prevención e detección precoz do cancro de pel, Povisa súmase un ano máis á campaña Euromelanoma, impulsada pola Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía, e que se celebra entre os días 24 e 28 de xuño.
 
Deste xeito, os dermatólogos de Povisa realizarán o venres 28 exames da pel aos pacientes inscritos previamente na web da Academia Española de Dermatoloxía e Venereología (http://euromelanoma.aedv.es/login-paciente) para detectar lunares sospeitosos, posibles lesións cutáneas ou melanomas.
 
Álvaro León, xefe do servizo de Dermatoloxía de Povisa, sinala que “a detección precoz do melanoma é fundamental para poder iniciar canto antes o tratamento correspondente. Trátase do cancro máis prevenible, polo que é importante concienciar sobre a protección fronte ao sol, non soamente cando acudimos á praia, senón cando realizamos calquera actividade ao aire libre como traballar, pasear ou realizar actividades deportivas. Debemos incorporar o uso de protectores, gorras ou lentes de sol como un hábito diario máis”.
 
A campaña Euromelanoma, que naceu en Bélxica en 1999, é un proxecto europeo que busca concienciar sobre a prevención, detección precoz e tratamento do cancro cutáneo e promover hábitos saudables fronte á exposición solar. Na actualidade, participan máis dunha trintena de países da Unión Europea e atendéronse xa a máis de 450.000 pacientes.
 
España, baixo a coordinación da Fundación Pel Sa da Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía, participou por primeira vez no ano 2000, e durante 2018 participaron 86 municipios e máis de 230 dermatólogos, alcanzándose as 3.000 citas. Para a campaña deste ano, a Fundación Pel Sa centrou a atención nos maiores de 65 anos, grupo no que a mortalidade por melanoma continúa aumentando, fronte á estabilización que se observou nas mulleres e o descenso en mozos e homes de mediana idade.