O PP reduce á metade o peso da lingua galega na adxudicación de novas oficinas de farmacia

O BNG insta ao goberno galego a restituír os 10 puntos do baremo de galego na reforma do sector farmacéutico
Publicado por o día 19/01/2018 na sección de BNG,Política

O PP reduce á metade o peso da lingua galega na adxudicación de novas oficinas de farmacia

Na reforma que está a impulsar o Goberno do PP relativa ao sector das farmacias o coñecemento da lingua galega, como parte do baremo específico de méritos para a adxudicación de novas oficinas de farmacia, vese reducido á metade en relación co disposto desde 2001. Redúcese de 10 a 5.

Cómpre lembrar que entre as 400 medidas que compoñen o Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galiza en 2004, no sector 5 referido á Sanidade contémplase unha área de actuación específica para Farmacia na que se sinala como un dos obxectivos a promoción do uso do galego neste ámbito profesional toda vez que como puntos febles se identifican:

  • O escaso uso do galego nos escritos dos colexios farmacéuticos.
  • O feito de que poucas persoas profesionais do sector da farmacia teñen a lingua galega como lingua habitual.
  • A escaseza de vocabulario técnico no idioma propio de Galiza así como o descoñecemento daquel vocabulario popular propio do sector.
  • A baixa implantación da lingua galega na Facultade de Farmacia.
  • A baixa valoración da importancia do uso da lingua galega.

Por outra parte o Plan Xeral de Normalización Lingüística abrangue medidas concretas que o Goberno galego debe adoptar para promover o uso do galego neste sector, que, logo desta normativa, estase obviando do devandito plan.

Neste sentido, o BNG rexistrou no Parlamento Galego unha batería de iniciativas que instan ao goberno do PP a restituír en 10 puntos o peso do coñecemento da lingua galega no baremos específico para a adxudicación de novas oficinas de farmacia. E ademais, desde o BNG instamos á Xunta de Galiza a adoptar as medidas previstas no Plan Xeral de Normalización Lingüística relativas a estes sector e desenvolver outras novas que se adapten á realidade actual neste ámbito.