O Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente Rosalía-Abanca alcanza por primeira vez a cifra de 1000 lectores galegos e europeos participantes no mesmo e logra involucrar a totalidade dos institutos de ensino secundario da capital de Galicia. Trátase das dúas principais novidades desta XXIII edición do galardón, que dan conta da boa acollida desta iniciativa impulsada desde a Asociación Cultural Instituto Rosalía de Castro en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais co patrocinio de Abanca.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do IES promotor, Ubaldo Rueda, presentaron os detalles do acto de entrega de premios que acollerá o propio centro educativo o vindeiros 1 e 2 de marzo, días no que Xosé Monteagudo, Ralf Rothmann e Fernando Aramburu recollerán cadanseu galardón concedido polo alumnado e debaterán cos/as participantes.
García Gómez salientou que “a participación desta iniciativa de prestixio e recoñecemento para a literatura escrita na lingua propia de Galicia desde a comunidade educativa adquire unha nova dimensión, ao tempo que medra a colaboración institucional coa implicación de todos os institutos composteláns, que se suman ás doutros institutos galegos e estranxeiros que viñan participando ata o momento”.
García e Rueda estiveron acompañados polos directores dos restantes IES composteláns participantes, representados por Manuel Portas, do IES Arcebispo Xelmírez I; por Ana Mª Alonso, do IES Arcebispo Xelmírez II; e por Carlos Enrique Encisa, do IES Antón Fraguas.
Novidades no certame
Na edición XXIII do Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente, o Premio en Lingua Galega recaeu en Xosé Monteagudo, pola obra ‘Todo canto fomos’ (Ed. Galaxia); o Premio en Lingua Castelá en Fernando Aramburu, pola obra ‘Patria’ (Ed. Tusquets); e o Premio en Lingua Estranxeira en Ralf Rothmann, pola obra ‘Im Frühling sterben/Morrer na primavera’ (Ed. Suhrkamp).
Como principal novidade, o certame alcanza os 1000 lectores e lectoras de ensino secundario e consegue involucrar nesta ocasión a totalidade dos IES da capital galega que ofrecen estudos de bacharelato (IES Plurilingüe Rosalía de Castro, IES Arcebispo Xelmírez I, do IES Arcebispo Xelmírez II, IES Antón Fraguas, IES Eduardo Pondal, IES Lamas de Abade, IES de Sar, IES A Pontepedriña e IES As Fontiñas), que se suman aos centros educativos de Galicia e do estranxeiro que viñan participando ata o momento.
Canto ao xurado, a nómina de centros participantes queda como segue: IES Xelmírez I (Santiago de Compostela), IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes (Lugo), IES Agra do Orzán (A Coruña), IES Valle Inclán (Pontevedra), IES San Mamede (Maceda, Ourense), Hockerill Anglo European College de Londres (Inglaterra), Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), Grimmelshausen Gymnasyum de Gelnhausen (Alemaña), Escola Secundaria de Santa Comba Dão (Portugal) e Colexio nº 1558 Rosalía de Castro De Moscú (Rusia).
De iniciativa da comunidade educativa a galardón literario de referencia internacional
Os Premios Arcebispo Juan de San Clemente naceron por iniciativa do director do IES Plurilingüe Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, e de dous profesores de matemáticas, Francisco López Piñeiro e Maribel Marín; con tres modalidades – Lingua Galega, Castelá e Estranxeira- e cun xurado conformado por alumnos do propio IES e doutros cinco institutos galegos escollidos cada edición por sorteo.
Ademais do que o certame supón no referido ao estímulo do hábito lector entre o estudantado, o éxito do Premio ofrécelle ao alumnado que conforma o xurado a oportunidade de compartir unha xornada cos autores galardoados que, ano tras ano, acoden a Santiago de Compostela a recoller este recoñecemento. Nestas dúas décadas de historia o galardón colleitou unha excelente acollida entre os autores, algúns deles premios Nobel, como Mario Vargas Llosa ou José Saramago.
Toda a información en neste enlace.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.