Preto de 1.100 persoas participan durante esta fin de semana nas excursións do programa “En ruta coa Depo”

Veciñas e veciños de 8 concellos da provincia de Pontevedra realizan visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico
Publicado por o día 14/09/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Preto de 1.100 persoas participan durante esta fin de semana nas excursións do programa “En ruta coa Depo”

O programa “En ruta coa Depo” organiza esta fin de semana 17 novas excursións nas que participan 1.094 persoas de 8 concellos da provincia. Estas excursións permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, 162 persoas da Asociación 7ª Lista Robaleira e da Asociación de Veciños Outeiro do Castro, visitarán o castelo de Sobroso; Mondariz-Balneario; petróglifos de Gargamala, en Mondariz; Castro de Troña en Ponteareas.

Pola súa banda, 54 persoas pertencentes á Asociación de Maiores de Ponteareas poderán coñecer Arousa, nesta ruta marítima gozarán da Illa da Toxa, darán un paseo en barco pola ría de Arousa (con degustación), O Grove, Museo da Salga e paseo pola zona, e xacemento da Lanzada.

Tamén, 108 persoas da Asociación de Mulleres Dorna e da Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabaris farán a ruta pola a illa de San Simón, o Museo Meirande, Redondela, o castelo de Soutomaior e Ponte Sampaio.

Por outra banda, 378 persoas pertencentes á Asociación de Mulleres do Municipio de Silleda, ao Grupo de Danzas Folclóricas Amor Ruibal, a Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra, a Anhida e ao Centro Cultural Xinzo poderán visitar as illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés.

No caso da Asociación de Los Previsores de La Peña de Francia, 54 persoas coñecerán Lalín: Centro Castrodeza, Museo Municipal Ramón María Aller, pazo de Liñares, Museo Galego da Marioneta e Casa do Patrón.

Pola súa banda, 34 persoas da Asociación Viguesa de Esclerosis Múltiple de Pontevedra visitarán A Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo.

Outras 108 persoas da Asociación de Veciños de San Roque, visitarán o conxunto histórico de Salvaterra de Miño e parque da Canuda; Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea (Arabo) e pesqueiras do Miño, en Arbo.

Tamén, 54 persoas da Asociación Cultural San Nicolás de Prado farán a ruta polo Parque de Natureza do río Barosa, en Barro; antiga azucreira, miradoiro do val do Umia e exposición sobre Domingo Fontán, en Portas; xacemento da Igrexa Vella de Santa Comba de Louro, en Valga; e Torres de Oeste, en Catoira.

No que respecta á A.V.C.D. Monte da Mina de Castrelos, 54 persoas van visitar o conxunto histórico de Cuntis (praza das Árbores, Casa Grande dos Castro…), miradoiro do parque Maráns, castro de Castrolandín e conxunto histórico de Caldas de Reis (fonte das Burgas, ponte romana, xardín botánico e carballeira).

Pola súa banda, 54 persoas da Asociación de Mulleres Rurais Os Muíños de Marcón farán a súa ruta polo Monte do Facho e Cabo Home (praia de Melide), en Cangas.

E xa por último, 34 persoas da Federación Caogami Pontevedra, coñecerán Pontevedra: conxunto histórico, Museo de Pontevedra e illa do Covo.

“En ruta coa Depo” ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia, promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente as nenas e nenos. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dunha ou dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e trasporte.

No 2017 participaron na iniciativa “En ruta coa Depo” 17.501 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 foron adxudicadas en total 19.814 prazas, 2.313 máis que o ano anterior.