Preto de 114.000 galegas e galegos teñen a tarxeta de doador de órganos

O 64%, máis de 72.000, son mulleres
Publicado por o día 24/08/2019 na sección de Sanidad,Salud

Preto de 114.000 galegas e galegos teñen a tarxeta de doador de órganos

Un total de 113.938 galegas e galegos teñen a tarxeta de doador de órganos, sendo moitas máis as mulleres, un total de 72.798, o que representa o 64%, e 41.140 homes, que supoñen o 36%. Por provinciais, 46.968 persoas pertencen á da Coruña; 47.421 á de Pontevedra; 9.220 á de Ourense e 8.570 á de Lugo. Tamén hai 1.759 persoas de fóra de Galicia.

No que atinxe á súa idade, os posuidores da tarxeta de doador teñen entre 18 e 44 anos o 75%, sendo un 20% os que se sitúan na franxa de 45 a 64 anos. Os maiores de 65 anos representan o 3%.

Desexo da persoa e coñecemento da familia

A tarxeta de doador é un documento que se solicita e formaliza en vida. Nel declárase a vontade de que se proceda á doazón de órganos e tecidos trala morte. Este documento non é imprescindible en España para ser doador, pero as persoas que o levan o fan como un compromiso adicional á decidida vontade de doazón.

A Administración sanitaria galega sinala que, o máis importante, é que a familia coñeza o desexo da persoa de ser doador, posto que os médicos lles consultan e poderán refrendar esa vontade de doazón expresada formalmente tempo atrás.

A tarxeta de doador pódese conseguir en diferentes sitios. É gratuíta e tela non implica un compromiso definitivo, posto que pode anularse sempre que o titular o desexe. Pode solicitarse nas institucións públicas como pode ser a Consellería de Sanidade, as coordinacións hospitalarias de transplante, ou os centros de saúde e, tamén, en entidades sociais como as asociacións de enfermos e transplantados.

Logo de cubrir cos datos persoais o folleto da doazón de órganos e tecidos, enviarase por correo sen necesidade de selo. Tamén se pode facer por teléfono ou a través da páxina web do Sergas (www.sergas.es). Para calquera dúbida, as persoas interesadas pódense poñer en contacto coa Coordinación Autonómica de Transplantes dependente da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, no teléfono 881 54 28 63.

Crecente evolución

O pasado mes de marzo levouse a cabo na nosa comunidade o transplante de órganos número 8.000, cifra acumulada desde o ano 1981, data da primeira intervención cirúrxica de transplante nos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde.

No caso de Galicia, a cifra de intervencións cirúrxicas de transplante ten experimentado unha crecente evolución no transcurso dos últimos anos e que se reflicte nos 8.000 transplantes que supuxeron unha segunda oportunidade de vida para outros tantos doentes.

No 2018, Galicia bateu o seu récord de transplantes, con 354 intervencións, rexistrando unha media dun transplante diario. Así mesmo, esta intensa actividade puido materializarse grazas á solidariedade dos 116 doantes de órganos e as súas familias, a cifra máis elevada desde a posta en funcionamento do programa de transplantes en Galicia.

O Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) reiteran o seu recoñecemento público aos doantes e ás súas familias, pola valentía, a fortaleza e a xenerosidade que amosan neses momentos difíciles, agradecemento que fan extensivo ao conxunto da sociedade e aos profesionais dos hospitais galegos, que posibilitan que as cifras de transplante se manteñan en Galicia.