Preto de 150 persoas participaron en Santa Trega no Geolodía 19

Bienvenido Diez: “A xente amosouse moi interesada e recibimos moitas felicitacións”
Publicado por o día 13/05/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Preto de 150 persoas participaron en Santa Trega no Geolodía 19

Preto de 150 persoas participaron este domingo no monte de Santa Trega nas diferentes actividades organizadas pola Facultade de Ciencias do Mar e a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía no Geolodía 19, evento que se celebra a nivel nacional e que, tras un parón dun ano, volveu organizarse na provincia de Pontevedra da man da Universidade de Vigo. “Foi un día espectacular, a xente amosouse moi interesada e recibimos moitas felicitacións, sobre todo polas temáticas tratadas”, salientou Bienvenido Diez, profesor do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio e coordinador desta actividade na UVigo, quen salienta que, dende a organización se fixo, “como é habitual”, un esforzo importante por tratar as diferentes cuestións do xeito máis divulgativo posible.

Divulgación xeolóxica accesible a calquera persoa

Divididos en grupos de pequeno tamaño, asistiron ás excursións un total de 140 persoas, “moitas delas fieis seguidores desta actividade”, e cada visita durou arredor dun par de horas.  Guiados por un equipo de docentes que foron os encargados de explicar diversos aspectos xeolóxicas da contorna, as e os participantes na actividade tiveron así a oportunidade de achegarse á zona do estuario do Miño-Santa Trega dun xeito diferente. O profesor Gonzalo Méndez foi o encargado de explicar o papel do río Miño como como axente transformador da paisaxe, mentres que pola súa banda Anxo Mena afondou nos diferentes cambios que sufriu o nivel do mar e como estas variacións climáticas afectaron tamén ao desenvolvemento posterior da sociedade. As explicacións sobre como se forma o caolín -arxila branca moi pura coa que se fabrica a porcelana- a partir do granito e sobre as condicións que deron lugar, entre o Mioceno e o Holoceno, á multiplicación deste tipo de materiais nesta zona correu a cargo da profesora Teresa Rivas.

Na parte máis alta do monte, ao final do percorrido, o profesor Migue Ángel Nombela, decano da Facultade de Ciencias do Mar, explicou as distintas partes dun estuario e os procesos que os caracterizan, así como os diferentes tipos  en función do grao de mestura das augas fluviais coas mariñas e os principais motivos que provocaron que a parte final do estuario do Miño estea practicamente rechea de sedimentos.

“Tremendamente satisfeitos por como saíron as cousas”, desde a organización do Geolodía 19 queren, “agradecer especialmente”, toda a colaboración recibida por parte da Comunidade de montes en man común de A Guarda, “cuxo apoio loxístico resultou básico para que todo saíse á perfección”.